Peixe da familia dos petromizóntidos que vive parte da súa vida no mar e parte no río, de corpo angüiliforme e sen escamas, cabeza curta, ollos pequenos seguidos de sete pares de buratos branquiais e boca circular sen mandíbulas, en forma de ventosa
Etimoloxía
Palabra derivada sobre o verbo “chupar” de orixe onomatopeico.
Exemplos *
“A lamprea, sete buratos (que ten detrás de cada ollo e corresponden ás branquias), lamparda, lampreia, chupona de mar (pola forma de ventosa da boca) ou lamproia, é un exquisito ciclóstomo de sinxelo organismo con esqueleto cartilaxinoso como corresponde ós primeiros vertebrados.” (Mariano García e Fina Casalderrey: Festas gastronómicas de Galicia. Festas, receitas, calendario e puntos de interese turístico, 1994)
“O que se buscaba nese anuncio era un home cunha chupona, unha sete buratos, unha lamprea — en definitiva —, tatuada no pescozo.” (Isidro Novo: Por unha presa de machacantes, 1997)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.