corvina

Peixe da familia dos esciénidos, de corpo alongado e fusiforme e cor prateada, que produce sons semellantes aos dun tambor coa vexiga natatoria

Etimoloxía

Denominación que procede do vocábulo latino corvinus vinculado con corvus ‘corvo’ e tamén cun peixe mariño.

Exemplos *

“Axiña apareceron tamén os golfiños, arroases, candorcas e corvinas a participaren na grande festa. Había para todos. Polo barbullar da auga descubríanse as bandadas da sardiña.” (Víctor Fernández Freixanes: O triángulo inscrito na circunferencia, 1982)

“Os prezos son elevados, agás nalgunhas especies como os caránxidos, que por mor do cambio climático chegaron ás nosas costas na segunda década do século XXI. As especies máis frecuentes son sardiñas, sardinelas, agullas e alcriques entre os peláxicos, e pescada, corvina e o dentón ollón, entre os demersais.” (Xavier Queipo: Luzes, 5-2014)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.