lárice

Árbore caducifolia da familia das pináceas, de tronco recto e liso, copa piramidal, follas aciculares de cor verde clara e estróbilos femininos de cor vermella que se converten en piñas pequenas

Etimoloxía

Nome que vén do latín larice de significado semellante.

Exemplos *

“Xunte todo iso, veña, fágao, ispa as pólas do bidueiro, do freixo, do álamo, mesmo tire ao chan as agullas do lárice, e coloque boas presadas de neve nas copas dos abetos e dos piñeiros, coitelos de xeo suspendidos deles, coma bágoas retratadas pola noite máis fría e máis profunda.” (Xabier López López: Os libros prestados, 2010)

“Hai xente que é feliz mirando as cousas, deténdose nas árbores que crecen, nos paxaros cantores, nas búgulas e acónitos, no lárice e nas figueiras, a vida, a vida estaba sempre noutra parte, non na vida mesma, un pode pensar que vive, que existe e, a pesar de todo, ser só un número impar dentro dunha secuencia par de números pares, un estraño, un marxinal no medio do absurdo.” (Xosé Carlos Caneiro: Ébora, 2000)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.