satélite artificial

Obxecto posto en órbita arredor da Terra ou doutro planeta, que se utiliza na investigación científica, na comunicación etc.

Etimoloxía

Frase composta coa palabra que procede do latín satellitem ‘corpo celeste que orbita arredor dun planeta’ e tamén 'soldado da escolta da monarquía romana’, crese podería vir desde o etrusco; e o adxectivo latino artificialis de significado análogo.

Exemplos *

“Coa mesma técnica, utilizando un satélite artificial, podemos estudiar a deriva continental ou a variación, en función do tempo dos polos magnéticos da Terra.” (Eduardo García Parada e Pío M. González Fernández: Eis os láseres, 1998)

“... e así cambiaba o clima, os invernos xa non eran invernos, nin os veráns veráns, debido a tanto satélite artificial como se lanzaba, a tanta chatarra como estaba voando por alá enriba.” (Camilo Gonsar: Arredor do non, 1995)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.