viñateiro, -a

Persoa que se dedica á produción e venda de viño

Etimoloxía

Voz derivada sobre a base “viño” que nos leva ao latín vinu de idéntico significado.

Exemplos *

“Toulouse Lautrec chegou a Montmartre no verán de 1884 para vivir co seu amigo René Grenier. Por entón non era máis ca un arrabalde de París, pero empezaba a estar de moda para folgazáns con veleidades artísticas e burgueses sen diñeiro, que convivían cos derradeiros fariñeiros e viñateiros.” (Pedro García Luaces: Luzes, 12-2014)

“Fefa lanzouse á calzada. Baixaba o carromato do carbón cunha melodía asmática, e alborotando tanto que grazas a iso puido socorrer o neno que ía ser atropelado. O condutor saudaba distraidamente a un amigo, que saía do viñateiro de en fronte cun cuartillo de castela, e o pequeno quería capturar a pelota que ía botando. –Aparta! Ela rodeouno cos brazos e el deixouse caer.” (Luís Rei Núñez: Expediente Artieda, 2000)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.