aviación

Conxunto de medios técnicos e humanos destinados a actividades relacionadas coa navegación aérea.

Etimoloxía

Tomouse da forma francesa aviation, formada sobre a base latina avis –is ‘ave’.

Exemplos *

“Só o 5% da poboación mundial viaxou algunha vez en avión. Entre os anos 1990 e 2003 as emisións de CO2 da aviación internacional creceron un 73%.” (Ramsés Pérez Rodríguez: Guía de ecoloxía cotiá. Ideas e accións para un consumo sustentábel)

“… esa chaqueta de veludo verde coa que quería imitar quen sabe a que celebérrimo músico inglés ou americano morto en accidente de aviación.” (Xavier López López: Os libros prestados)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.