cabalo (de vapor)

Unidade de potencia equivalente a 75 quilográmetros, é dicir, ao esforzo que debe realizar unha máquina para levantar a un metro de altura, nun segundo, 75 kg de peso.

Etimoloxía

A denominación desta medida segue a que lle deu o enxeñeiro inglés James Watt, horsepower, comparando a máquina de vapor cos cabalos de tiro.

Exemplos *

"Navegaba a vela, pero tiña un motor de 80 cabalos, que utilizabamos cando non había vento a favor." (Xosé Neira Vilas: Galegos no Golfo de México)

"… conversaba con toda desenvoltura e con opinións de experto de freos de disco, de caixas de cambio, do delco, de cabalos de vapor ou da frota conxeladora." (Camilo Gonsar: Arredor do non)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.