emprazar

Comunicar a alguén a hora, data e lugar dunha reunión ou cita para que acuda a ela

Etimoloxía

Palabra que se forma sobre “prazo” que procede do latín placitus ‘convenido ou aprobado’.

Exemplos *

“Así e todo, como xa lles dixen antes, están enguedellados nunha complicada xunta e dinme que os emprace para esta tarde.” (Pemón Bouzas: A voz do vento, 2014)

“Mandárono acudir para cumprir un deses servizos. Entre tódolos que fixera, este xa tiña de saída moi mala cara, porque nunca o emprazaran a semellante hora e , sobre todo , en lugar semellante.” (Ramiro Fonte: Soños eternos, 1994)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.