picapeixe

Ave da familia dos alcedínidos duns quince centímetros, cabeza grosa, peteiro longo e forte, rabo curto, plumaxe de cor azul nas partes superiores, verde brillante a ambos os lados do pescozo, gorxa branca e partes inferiores rubias

Etimoloxía

Nome composto polo verbo “picar” e o substantivo “peixe”, motivado pola forma que ten este paxaro de alimentarse.

Exemplos *

“Era unha mañá de marzo e o río un regato de montaña. Non pasaban das seis e media e xa viramos unha parella de picapeixes e unha garza.” (Marilar Aleixandre: O coitelo en novembro / Na pel da troita, 2010)

“Naqueles ríos que manteñen un caudal máis ou menos parello durante todo o ano destacan o merlo rieiro e tamén o picapeixe, de vistosas cores , que tan só se pode ollar en voo lizgairo a rente da auga.” (Xosé Lois Ripalda: O país dos mil ríos. Cultura fluvial en Galicia, 2009)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.