reo

(Salmo trutta trutta) Peixe da familia dos salmónidos de ata oitenta centímetros e cor prateada ou castaña con pintas negras, que nace nos ríos de augas claras e frescas, onde vive os primeiros anos, logo baixa ao mar e torna ao río onde naceu para desovar.

Etimoloxía

Non se coñece con seguridade a súa orixe, para a que se propón como posibilidade unha forma celto-latina redo.

Exemplos *

“O río Tambre, considerado dun xeito histórico como unha das nosas canles con maior riqueza piscícola en atención ós salmóns, ás anguías, ós reos e ás troitas que se podían pescar nas súas augas, perdeu nas últimas décadas boa parte da súa riqueza natural.” (Ignacio González: O Correo Galego 28-10-2001)

“As troitas, reos, salmóns e ata os lucios en moitas partes dos ríos están tan bos de coller que dá mágoa mirar para eles e ter que irse sen levar medio carabel de peixes bos para a casa.” (Xavier Rodríguez Vergara: Redes e peixes. Saberes dun mariñeiro)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.