regueifa

Na imaxe, elementos do cartel de Enreguéifate. Santiago de Compostela, en 2017

O Concello de Santiago de Compostela organiza un certame de regueifas Enreguéifate, que se vén sumar a outras iniciativas para perpetuar esta tradición tan nosa de canto improvisado; hoxe en día, chéganos por boca de regueifeiros xa maiores ou doutros que a volveron poñer de moda coma Pinto d’Herbón. En calquera caso, a regueifa que coñecemos na actualidade é unha disputa entoada, pero para entender o seu sentido temos que remontarnos ás orixes.

Segundo a noticia que ao respecto nos dan os etimoloxistas, a voz regueifa procede do árabe ragif (en plural ragaif), que denominaba unha torta de pan, e con isto vincúlase o primeiro sentido que recolle o Dicionario, pero para nós a regueifa non era un pan calquera, senón unha modalidade especial elaborada con fariña de trigo, que incluía entre os ingredientes ovos, manteiga e azucre e mesmo lle acaía ben un aruxo de canela ou cascas de limón. E a cousa non paraba aí, porque despois de cocido aínda se adornaba con lambetadas e fitas de cores coma o ramo da festa. Dependendo dos lugares, recibía tamén o nome de cantelo ou carocho.

Sobre os destinatarios deste molete aparecen noticias contraditorias, pois, segundo algunhas fontes, eran os convidados ao banquete de voda e, segundo outras, eran os excluídos, pero persoas próximas e eles, como os veciños da aldea, que recibían este agasallo dos noivos. Do reparto que facían da torta arranca a segunda acepción do termo, pois a persoa que se ocupase de facelo decidíase cun concurso de dotes artísticos baseado, ben na improvisación de versos cantados a capela (onde participaban homes e mulleres), ben na execución dunha muiñeira de puntos moi difíciles (onde nada máis participaban homes).

Improvisar poesía é unha práctica antiga e moi estendida, que podemos relacionar coas orixes das literaturas grega e latina e, dentro da nosa tradición literaria, coas tenzóns que coñecemos da lírica medieval e que na actualidade se mantén viva, por citar algúns exemplos, en Turquía, no Sáhara, nalgunhas zonas de Iberoamérica, nos Balcáns, en Gales –Cymru en gaélico– ou no País Vasco –Euskal Herria– e os seus famosos bertsolaris.

A estrutura xeral da regueifa é a copla con rima asonante e os escenarios xa non son os das vodas tradicionais, pero os regueifeiros seguen destacando pola rapidez e o enxeño. E non sempre se chaman regueifas, senón que tamén se coñecen como loias, brindas ou cantigas de desafío ou tamén as enchoiadas que son moi semellantes.

Para quen queira iniciarse nesta arte, organízanse obradoiros e hai ferramentas en liña. Con todo, cómpre ser prudente porque as ocorrencias poden ir quentando o ambiente ata acabar no que algunhas obras recollen como sentido figurado a partir do anterior e que deriva nun enfrontamento ou discusión.

Controversia Ourense-Vigo – Yoli e Nuria

Yoli e Nuria participan con este "Controversia Ourense-Vigo".

Publicado por Enreguéifate en Jueves, 11 de mayo de 2017

Un dos participantes en Enreguéifate 2017 foi esta divertida Controversia Ourense-Vigo … quen cres que gañou?

Na II edición do certame Enreguéifate, promovido pola Concellería de Mocidade, participaron un total de 20 centros de ensino de Compostela e o resto do país, que presentaron varias regueifas cada un deles. Outorgáronse doce premios, de seis categorías duplicadas en modalidade escolar e xeral: “A regueifa máis brava“, “a máis aguda“, “a mellor falada”, “a mellor cantada” etc. A noticia cos gañadores podes vela na web do Concello. E se queres gozar cos vídeos dos e das participantes do certame, están todos no perfil de Facebook Enreguéifate!

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir