violín

Fotografía tomada por Rafael Villalta. Fonte: Arquivo familiar – Centro Ramón Piñeiro

Luísa Villalta é a escritora que se homenaxea este ano no día das Letras Galegas. A autora nace na Coruña no verán de 1957 no seo dunha familia de clase media cun pai afeccionado á opera e que inculcará nela a afección pola música. Con oito anos entra no Conservatorio de Música da Coruña do que sairá cunha titulación superior en violín. De feito, as persoas expertas do ámbito musical afirman que era unha virtuosa deste instrumento e esa circunstancia abriulle as portas para formar parte da Orquestra de Santiago de Compostela, da Xove Orquestra de Galicia e de varios grupos de cámara.

Espello

Cando cada letra do meu violino escreba o teu nome

E os sonidos siderais baixen por min a cantarte

Comezarás a existir

Novamente

Coa inocencia cruel dos nenos azuis que amordazan o ar

Na destilación dos séculos

Para calmar a putrefacción dos nosos corazóns malgastados.

“Poética da concreción”. Boletín Galego de Literatura, 29, 2003

Unha imaxe habitual de Luísa Villalta sería co seu violín, que ela sempre denominaba violino, nunha das mans; pero na outra atopariamos o lapis para escribir de case todo, xa que era unha persoa polifacética, aínda que ben é certo que coa poesía mantivo unha relación especial. Na súa obra un dos temas recorrentes é a relación íntima entre a música e a poesía. Como poeta imprimiulle á súa obra unha musicalidade persoal e única; mais como intérprete investigou a interacción que xorde entre a música e o poema, pois, segundo ela, a música e a palabra existen desde o inicios dos tempos e van collidas da man.

O seu acompañante desde nena era o violín que, segundo o DRAG, é un “instrumento musical de madeira dotado de catro cordas, que se toca fretando estas cun arco e que se coloca entre o ombreiro esquerdo e o queixo”. A persoa que o toca é a violinista, palabra derivada mediante a adicción do sufixo –ista, formador de substantivos que designan a ‘persoa que ten unha determinada ocupación, profesión ou oficio’.

A orixe do nome do instrumento atopámola na lingua italiana, no substantivo violino, o diminutivo de viola, que na lingua antiga presenta as variantes viuola ou vivuola, e que  nos leva ao provenzal viola, viula, voces onomatopeicas. Este é o pequeno da familia dos instrumentos de corda clásicos, composta pola viola, o violín, o violoncello e o contrabaixo. Agás este último, os demais son variacións formais da fídula medieval. Os violíns, tal como os vemos hoxe, aparecen na primeira metade do século XVI. Os artesáns responsables de construílos ou restauralos son os luteiros, -as, tamén coñecidos como lutiers (s.m./f.), adaptación do termo francés luthier, luthière, formado, á súa vez, sobre luth ‘laúde’ que se toma do provenzal laüt, e este do árabe al-ūd ‘madeira’.

En moitas ocasións relacionamos os instrumentos mencionados coas seccións de corda das orquestras de música clásica. O musicólogo Pablo Carpintero Arias afirma que na música galega de noso o violín era un dos instrumentos indispensables, xunto coa zanfona e o rabel, e que era tocado tanto por homes coma por mulleres. A popularidade do violín queda demostrada polas mencións a el que se rexistran nas coplas tradicionais:

Sei tocar e sei bailar / sei tocar o violín ou Na miña vida tal vin /na miña vida tal vin / unha cabra nunha roca / tocando no violín.

Sábese que se empregaba para animar os bailes canda a frauta e o acordeón; mais outro uso que nos resulta familiar é o que facían del as persoas invidentes que vendían literatura de cordel. Non se coñece a data na que o violín se asentou na música tradicional galega, dado que non posuímos fontes escritas nas que baseármonos; mais pola forma de tanguer dos derradeiros tocadores cegos que emulan os modos de tocar antigos, do século XVII e XVIII, podemos supoñer que o violín foi incorporado no instrumental tradicional galego durante estes séculos, desprazando das mans de cegos e cegas, a zanfona, máis antiga, e seguramente tamén o rabel.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir