androcentrismo

Imaxe de Gerd Altmann en Pixabay

Nunha sociedade androcéntrica o punto de vista masculino é o que se impón como modelo de referencia, e relégase deste xeito as mulleres a roles secundarios. Disto colíxese que o modelo triunfante foi o androcentrismo. Segundo nos indica Termigal trátase dun termo definido como a “visión do mundo centrada no punto de vista masculino”. O vocábulo foi empregado por primeira vez no debate sociolóxico pola estadounidense Charlotte Perkins Gilman na obra de investigación A nosa cultura androcéntrica: ou o mundo feito polo home, publicada en 1911. É un neoloxismo que se forma mediante un proceso de composición de dúas palabras do grego antigo ανδρο, andro, “home”, e χεντρον, kentron, “centro”. A voz clásica andro aparece como prefixo noutras palabras cultas como son andropausa, andróxeno, andróxino, androceo, androide e androsterona.

Ao longo da historia percibiuse que os homes organizaban a sociedade e as relacións sociais guiándose polos seus intereses particulares. Hogano poderiamos crer que o androcentrismo é un anacronismo, xa que a sociedade occidental presume de políticas de igualdade asentadas e aceptadas. Mais as mostras dunha visión masculina preponderante son aínda abondosas. No ensino, por exemplo, algún dos manuais das materias impartidas ofrecen unha visión excesivamente masculinizada do mundo, onde predominan os persoeiros. Non hai mención ningunha ás investigadoras responsables de moitos dos avances científicos ou médicos. Tampouco as atopamos nas humanidades; elas creaban coma eles, mais non se recoñece a súa obra, agás unhas cantas fabas contadas.

A falta de referentes femininos provoca que as nenas crean que hai áreas do saber, laborais ou deportivas que non lles son propias. A socioloxía habilita o termo invisibilización para designar o ‘conxunto de mecanismos culturais que omiten a presenza de determinado grupo social’. O termo toma como base o verbo visibilizar, que o DRAG define como “facer visible”, ao que se lle engade o prefixo in-, elemento de orixe latina que forma palabras co significado de negación ou carencia. Neste caso, as invisibles son as mulleres e a ocultación destas comeza co uso que algunhas persoas fan da propia lingua, cando empregan o xénero masculino como xenérico e que, en ocasións, agocha un nesgo excluínte (se non teñen designación, non existen). Apelan á economía da linguaxe, pero desde outros ámbitos argumentan que o uso do masculino xenérico non contribúe a diminuír os estereotipos, nin amosa a diversidade na que vivimos. Daquela a tendencia actual é a modificar estes usos e na linguaxe xornalística, nos textos administrativos e nos manuais escolares obsérvase a intención de construír series coordinadas para indicar os dous xéneros: todas as veciñas e os veciños  ou a maior parte das cidadás e dos cidadáns; ou substituír os termos masculinos por substantivos colectivos asexuados: equipo, profesorado, clientela.

Aquelas persoas que non son quen de ver os logros das mulleres e as súas calidades padecerían unha sorte de xinopía. Esta voz de recente creación fórmase a partir de palabra grega γυνή – ‘muller’ e a terminación da palabra miopía. O termo empregouno a xurista Alda Facio para sinalar a incapacidade de entender o punto de vista feminino nos casos de violencia por non vivir a experiencia. Logo o neoloxismo xurídico foi adoptado pola intelectualidade preocupada polas cuestións de xénero e que persegue atopar os anteollos ou as lentes que corrixan a visión errada do feminino.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir