aguinaldo

O aguinaldo é un detalle co que se obsequia no Nadal, un tipo de panxoliña e tamén a remuneración adicional que os traballadores adoitaban cobrar a fin de ano. A orixe deste costume lévanos á antigüidade, aos lugares onde se intercambiaban regalos para reafirmar as amizades e afianzar os lazos familiares en certas celebracións. Tense noticia destes presentes nas culturas celtas, onde se chamaban eguinad, e entregábanse no ano novo porque crían que para recibir había que dar. Daquela intercambiábanse dátiles e froitos secos para demostrar satisfacción e desexar boa sorte. En Roma os agasallos denominábanse strenna, voz que significaba ‘bo presaxio’, e con eles desexábase todo o mellor para o futuro. A voz galega estrea vén desta palabra latina, e nela recóllese a idea dun ‘bo comezo’. Os primeiros aguinaldos eran detalles de carácter herbáceo, logo pasouse a agasallar con alimentos, e gradualmente foise aumentando o valor do regalo ata chegar a pezas de metais valiosos. De aquí procede, tamén, o costume comercial das cestas ou lotes de Nadal con produtos típicos que se toman nas festas natalicias.

“Non pedimos moito nin pouco tampouco
un touciño enteiro e metade do outro,
se non ten touciño déannos moeda
que tamén traemos onde recollela.”

Mostra de  Petición do aguinaldo recollida en Manzaneda, Ourense e recompilada no Cancioneiro da seitura de Manzaneda e Terras de Trives  de Xosé Lois Foxo, accesible no Mapa sonoro de Galicia do Consello da Cultura.

Cando se ía polas portas interpretando panxoliñas adoitábase solicitar unha pequena recompensa, que adoptou o nome de aguinaldo. A finalidade destas actuacións era, amais de pasar unha velada festiva, recoller alimentos e cartos para despois facer unha xuntanza. Os cantos de Nadal en galego xorden a principios do século XVII con carácter relixioso; mais nas aldeas os veciños sacáronos das igrexas para interpretalos nas casas e pediren o aguinaldo de Nadal. As cancións variaban segundo o agasallo recibido, e segundo os receptores quedasen ou non satisfeitos, as letras mostraban o seu agradecemento, pero tamén o seu descontento.

Segundo Corominas o termo aguinaldo procede do antigo aguilando e este doutra variante aguinando, de orixe incerta, quizais da frase latina hoc in anno ‘neste ano’, que se emprega como retrouso nas cancións populares de Aninovo. Non coñecemos sinónimos totais deste termo, pero hai palabras con certa proximidade semántica, como agasallo, galano, obsequio, presente ou regalo, voces todas que encerran o significado de pequena doazón que se fai a alguén ou que se recibe de alguén. Se nos queremos referir á gratificación recibida logo de cantar o aguinaldo, daquela botariamos man dos vocábulos propina e adealla.

Chegados a este punto habedes botar en falta a modalidade de aguinaldo pecuniario, que xorde na posguerra coincidindo co tempo da gran carestía e que pretendía ser unha axuda para que os e as traballadoras puidesen festexar o Nadal. En 1980 este foi incorporado ao Estatuto dos traballadores como a paga extra ou extraordinaria que é a “cantidade que un traballador recibe amais do soldo mensual”. Por outra banda, os e as traballadoras gremiais (leiteiras, costureiras ou os serenos… ) que ofrecían os seus servizos nos fogares acudían ás casas dos seus clientes cunha nadaliña de felicitación e, ao entregárena, recibían unha propina. Esta práctica data de 1832, cando os repartidores do Diario de Barcelona entregaron unha felicitación en man aos seus subscritores. A idea logo se espallou polo resto do territorio para poder obter un pequeno alivio nunhas economía moi limitadas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir