Neste tempo do Nadal non está de máis lembrar que non hai motivo de abafarmos ninguén repetindo ata a saciedade a mesma ladaíña xa que existen moitas e variadas expresións para canalizarmos os bondadosos sentimentos dos que nos sentimos imbuídos: “bo Nadal”, “venturoso ano novo”, “felices festas” ou “ditoso ano que empeza”, son só algunhas delas, se ben sobre a multiformidade imponse o propio feito de que existan fórmulas fixadas e unhas estruturas básicas recorrentes, cando menos nas linguas con pouca distancia entre delas.
Existen dúas posibilidades para explicarmos a xénese do substantivo aninovo: unha derivaría de “ano novo” e outra viría do latín (dies) anni novi.
Neste tipo de cumprimentos era moi frecuente facer referencia ao ano que comeza, con que a frase ano novo puido ir fixándose como unha unidade ata constituír un substantivo en por si. Por disimilación, para evitar a cacofonía na repetición da sílaba, o primeiro –no pechou en –ni , e de aí a forma aninovo. Se ben, cómpre reparar en que, canda a evolución morfosintáctica, existiu tamén unha especialización semántica de tal xeito que aninovo non pode entenderse como sinónimo total de ano novo, antes ben ten o significado específico de “primeiro ou primeiros días do ano que comeza”.
A outra explicación posible para a orixe deste substantivo é por derivación do latín (dies) anni novi, ‘días do novo ano’ ou ‘día de ano novo’, de onde tamén procedería a forma catalá ninou, ‘o primeiro día do ano’.
Sexa como for, non hai necesidade de lle dicir a ninguén “feliz aninovo!”, pois postos a desexar felicidade, que non custa cartos, o procedente é sermos xenerosos e pedila para os 365 días.
No Dicionario da Academia atopamos unha acepción máis para aninovo, que curiosamente tamén existe para o catalán ninou: é o “conxunto de coplas populares que se cantan para despedir o ano que remata e celebrar a entrada do que empeza”, as tamén coñecidas como xaneiras, ou o anibón, que recollen os dicionarios históricos.
Esta clase de colocacións léxicas suponse común á práctica totalidade das linguas xa que o remate dun ano e o comezo dun novo ciclo é un momento de celebración para a inmensa maioría das culturas. Agora ben, no que non hai coincidencia é na data precisa en que se localiza esta circunstancia, dependendo do sistema de distribución do tempo empregado: segundo o calendario gregoriano, o límite entre o ano vello e o novo está na noite do 31 de decembro para o 1 de xaneiro, pero nas culturas de calendario lunar os referentes son os solsticios e equinoccios. Noutras sociedades téñense en consideración os ciclos agrícolas ou diferentes episodios das respectivas tradicións relixiosas.