cometa

O 12 de novembro de 2014 foi un día histórico para a exploración espacial. Xa que o satélite Rosetta, lanzado en 2004 pola Axencia Espacial Europea (ESA), desprendeu a sonda Philae e enviouna á superficie do cometa 67P/Churyumov–Gerasimenko, descuberto en 1969. Sería a primeira vez que un artefacto humano se pousase nun cometa.

Un cometa é un corpo celeste pequeno e irregular, cunha órbita normalmente periódica e moi excéntrica, que debido á súa composición, cando se aproxima ao Sol, proxecta un ronsel de materia luminosa que ás veces mesmo o precede.

A palabra cometa procede directamente do grego e está composta de dúas partes. A primeira é koma, que na lingua orixinal significaba ‘cabelo’. Debido ao seu significado e mais a estar asociada á palabra cometa, aínda se usa en astronomía para denominar o rastro luminoso destas pedras espaciais voadoras, e existe mesmo unha constelación chamada Coma Berenices, ou sexa, a cabeleira de Berenice. Aparece tamén no tecnicismo médico acomia, que non é outra cousa que a calvicie. O valor semántico do étimo grego conservouse no latín e chegou ata hoxe, de xeito que na nosa lingua a coma é a ‘crina do cabalo’ ou, por extensión, o ‘conxunto de follas que coroa algúns froitos’.

A segunda das partes é –etes, que en grego permite crear substantivos axentes como planeta (o que deambula, en comparación coas estrelas, fixas no ceo), poeta (o que compón), profeta (o que fala con antelación), atleta (o que concursa por un premio) etc. É dicir, a combinación cometa significaría literalmente para os gregos ‘o que ten cabeleira’.

Dez anos despois do seu lanzamento, Rosetta puido reunirse por fin co seu cometa,  que malia o étimo non ten trazas de guedelludo senón de pato de goma, o que coñecemos grazas a que a misión europea conseguiu fotografalo detalladamente, amosándonos a súa forma e as súas dimensións, de 3 x 5 quilómetros. Dada a pouca masa do cometa, é difícil que o seu campo gravitatorio atraia suficientemente a sonda como para retela e non rebotala, así que a ESA ideou un novidoso sistema de enganche mediante arpóns para que quedara enganchada cando se producira o contacto.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir