doula

Na antiga Grecia, unha doule era unha muller que traballaba para outros, servíndoos e ocupándose de labores domésticos e cotiáns nunhas condicións á beira da escravitude polo que, posto no seu contexto, o termo tiña unha connotación negativa, mesmo pexorativa. No uso actual da palabra doula, en absoluto están presentes estes valores pero algo queda do significado etimolóxico xa que, alén de que continúa a ser un oficio exclusivo da muller, o máis probable é que as doulas gregas tamén estivesen presentes e axudasen de diferentes maneiras nos partos.

 

Especificamente, o que fai hoxe en día unha doula é acompañar e asistir, física e emocionalmente, as mulleres embarazadas durante os meses previos ao parto, no momento de daren a luz e tamén, se é o caso, no tempo do puerperio. A súa presenza á beira da futura nai ten por obxecto, como elas mesmas aclaran e reivindican, “acompañar sen intervir”, procurando asemade que a muller sexa plenamente consciente do proceso que está a protagonizar e do seu poder.

 

O termo popularizouse a partir dos anos setenta, inicialmente no ámbito anglosaxón, logo de que a antropóloga Dana Raphael o empregara, por primeira vez na súa acepción moderna, no libro Tender Gift: Breastfeeding, sobre a lactación materna. Tratándose dun anglicismo, sería posible defender que a pronuncia se correspondese coa do orixinal, /du:la/, coincidente así mesmo coa do étimo grego. Con todo, tendo en conta que a grafía da palabra permite a lectura alfabética, pode validarse unha realización adaptada como /doula/, máis estendida no uso dos falantes, e que é coherente co criterio asumido para outros estranxeirismos.

 

É doado vincular mentalmente as doulas coas matronas (comadroas ou parteiras) pois con frecuencia se emprega a expresión “asistente de parto” como equivalente de doula, se ben na actualidade ás segundas se lles esixe titulación profesional. O certo é que a proximidade nas funcións destas mulleres (e tamén das enfermeiras e enfermeiros que atenden as paridas e os neonatos) non está exenta de polémica: as doulas non contan cun recoñecemento oficial, o que implica que non existe un regulamento específico sobre a súa actividade, razón pola que foron denunciadas polo Consello xeral de enfermaría, acusándoas de intrusión e praxe indebida.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir