esgrevio

A foto correspondente a Carballo Calero é un detalle dunha foto de Moncho Rama

Era a casa que un fidalgo loitador erguera para que unha muller nova, nobre, formosa e lanzal vivese leda e sen saudade na entraña da esgrevieza montesia”.

A xente da Barreira, Ricardo Carballo Calero, 1951

Todo escritor galego posúe algún libro doutro autor galego dedicado “ao esgrevio escritor”. A afirmación é do protagonista do Día das Letras Galegas 2020, o creador literario e filólogo Ricardo Carballo Calero, figura destacada da literatura galega do século XX, pero para nós en absoluto esgrevio! Se ao lerdes esta última frase sentides certo anoxo, cómpre que non perdades este Mira que din. E se tendes claro o significado de esgrevio, tamén, porque o noso homenaxeado fixo moito por que así fose.

A arte literaria gusta de recorrer a palabras de uso pouco común. O habitual é que este costume redunde nunha maior riqueza léxica, pero nos tempos en que as nosas letras rexurdiron tamén serviu para espallar erros. Un caso paradigmático é o da palabra que nos convoca, esgrevio, -a, á que Ricardo Carballo Calero lle dedicou un traballo ben interesante que nos ha servir para explicarvos a embrolla. O filólogo deu conta nun artigo titulado “Sobre o uso literario da palabra esgrêvio” da súa preocupación pola extraordinaria frecuencia do emprego desta voz en lugar de egrexio. Os dous termos soan parecido máis abonda con facermos unha procura rápida no dicionario da Real Academia Galega para termos claro que a semellanza sonora é nula no significado, ata o punto de que tratar de louvar a alguén chamándolle esgrevio é en realidade unha idea (trabucada) nada afortunada. E por que? Pois porque mentres que egrexio é un adxectivo que cualifica aquel ou aquilo que pola súa elevada categoría, ou polos extraordinarios méritos, sae do que é normal ou ordinario, esgrevio refírese ao que resulta seco ou duro.

O noso egrexio don Ricardo advertiu que confusións coma esta teñen a súa orixe nun intento dos escritores de finais do século XIX de incorporar palabras que por algunha razón –por exemplo, a súa rareza– lles chamaban a atención pero que eran alleas á súa fala espontánea, todo isto nun momento en que a ausencia do ensino facilitou a perpetuación de desviacións semánticas sen base na fala. “Entom nom havia filólogos que pudessem ditar a sua liçom e condenar as extravagáncias”, lamentaba. Máis adiante, os primeiros dicionarios non axudaron a emendar o engano. O de Leandro Carré, de 1928, foi o primeiro en que se recolleu esgrevio co significado de egrexio e a partir de aí o erro perpetuouse noutros manuais, en ocasións acompañado da acepción correcta.

Carballo Calero repasa no devandito artigo distintos exemplos de uso do termo e da súa distribución dialectal e conclúe que esgrevio, ou a variante esgremio, pode referirse, por unha banda, ao puro ou só e, por outra, ao que é áspero. O filólogo supón que a palabra partiu dun significado físico e material, ben claro cando falamos dun caldo esgrevio (sen graxa ou mal cocido) ou de terra esgrevia (arxilosa e seca), e que metaforicamente pasou máis adiante ao uso moral, reflectido en expresións como pasalas esgrevias, sinónimo de pasalas estreitas; ou que esgrevio estás, aplicada a unha persoa seca e altiva. Este último exemplo está algo máis próximo ao egrexio do uso literario, pero aínda así segue lonxe, moi lonxe da louvanza!

En canto á orixe do termo, Carballo Calero recoñece que é incerta. Entre outras hipóteses, sinala que o significado de esgrevio / esgremio como ‘áspero’ e ‘só’ lle suxire unha comparación co castelán americano íngrimo –‘solitario’, ‘abandonado’, ‘en compaña’– e o portugués íngreme –‘escarpado’, ‘empinado’, ‘illado’–. En canto á etimoloxía deste ingreme, houbo quen pensou nunha orixe no gótico *ingrimjis ou *ingrimeis, relacionándoo co alemán antigo gram ‘colérico, indignado, aflixido’. O filólogo catalán Corominas, tamén citado por Carballo Calero, propuxo que quizais viría do francés antigo engremi ‘anoxado, irritado, triste’, derivado de graim e este do fráncico gram, que en alemán moderno significa ‘aflición, pesar’. Pero o noso autor remata propoñendo a súa propia hipótese e indica unha posible pista no portugués escabro. Procedente do latín scabru e co significado de ‘rudo ao tacto’, ‘áspero’ ou ‘desigual’, cumpriría perfectamente coas condicións semánticas que parece esixir a etimoloxía de esgrevio.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir