feísmo

O arquitecto galego Carlos Henrique Fernández Coto foi un dos primeiros en empregar un concepto novo: o feísmo arquitectónico. Despois das súas viaxes por motivos profesionais decatouse de que na paisaxe galega xurdían certos elementos que lle resultaban discordantes. Comezou a fotografar todo aquilo que lle chamaba a atención e documentábao baixo as denominacións canibalismo urbanístico ou maltrato da paisaxe. E definiu o feísmo como aquelas construcións ou obras humanas que degradan dalgún xeito o seu contorno. Porén outros profesionais do sector teñen unha visión distinta do concepto e indican que, nalgúns casos, non se debe falar de feísmo, senón de reutilización dos elementos. Exemplos disto serían o somier que se emprega coma unha cancela na horta ou a bañeira transformada en maseira para os animais. Argumentan que detrás destes feitos o que emerxe é unha sociedade de recursos económicos mirrados, avellentada e que vai facendo o que pode; aínda que non resulte coincidente cunha visión urbanística fermosa.

O termo feísmo defínese, segundo o TERGAL, como a ‘tendencia dun conxunto de construcións ou obras a degradar o contorno e romper coa estética tradicional’. Os profesionais indican que sería un estilo arquitectónico propio de Galicia xurdido ao redor dos anos 60 do século XX, froito dun cálculo de investimento mal formulado que trouxo consigo obras inacabadas. Tamén contribuíron á súa profusión o desleixo pola arquitectura tradicional que posibilitou construcións que reproducen modelos foráneos alleos aos galegos e, por suposto, a escasa lexislación sobre planificación urbanística para ter unhas directrices comúns que constrúan unha imaxe harmoniosa do patrimonio arquitectónico propio e, tamén, a insuficiente concienciación da cidadanía para preservar o propio.

A voz feísmo fórmase sobre o adxectivo feo (do latín foedus de significado semellante) ao que se lle aplica o sufixo –ismo, procedente do  latino -ismus, que nos remite ao grego -ismós e que crea substantivos abstractos: doutrinas (platonismo), actitude (individualismo), deportes (atletismo), terminoloxía científica (astigmatismo) ou condición (pauperismo). Aínda que semella unha palabra sinxela e nada innovadora, éo no que se refire ao significado, xa que dentro do ámbito galego adquire certa exclusividade avalada pola ausencia de equivalentes noutras linguas. Aínda que o DRAE recolle a mesma palabra para o castelán, nesta lingua non ten este significado específico, senón o máis xeral, aplicable a todas as artes e á literatura, de ‘tendencia artística ou literaria que lle concede valor estético ao feo [a tradución é nosa]’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir