
O Dicionario di de marea: “movemento periódico de ascenso e descenso das augas do mar causado pola forza da atracción do Sol e da Lúa”. Ademais atopamos a fraseoloxía propia do fenómeno: marea alta e baixa ou morta, e outras máis desgraciadas como a marea negra. Mais nas linguas da contorna (o portugués, castelán, francés e italiano) aparece ademais rexistrado para este termo un uso figurado equivalente a ‘cantidade de cousas ou de xente concentrada nun lugar e en movemento’ que, por consolidado, quizais deberiamos incorporar ao Dicionario; mesmo nos últimos tempos a linguaxe xornalística vai un pouco máis alá e dálle un matiz específico que é o ‘movemento reivindicativo por sectores ou por causas concretas nas rúas’: son as mareas [de persoas].
Por mor das políticas de austeridade impostas pola crise, aparecen novas formas de manifestación de carácter asembleario, que empregan Internet para comunicarse e que deron en chamarse mareas. Asolagan as rúas, van e veñen procurando co seu movemento espertar conciencias e modificar as políticas restritivas. Este uso metafórico do substantivo estase a consolidar nos falantes grazas á linguaxe da prensa e, sobre todo, porque os distintos colectivos denomínanse a si mesmos deste xeito, especificándose mediante unha cor. Así xorde primeiro a marea verde, en defensa da educación pública, e logo a branca, contra a privatización de sanidade; outras mareas son: a negra, dos funcionarios; a laranxa, dos servizos sociais; a violeta, das mulleres; a vermella, contra a falta de traballo e polos servizos públicos de emprego… a de máis recente aparición é a granate, a cor dos pasaportes dos obrigados a emigrar por motivos económicos.
Independentemente que defendan un ben común ou reclamen o dereito a unha práctica determinada, todas estas mareas poderiamos agrupalas nunha asemblea maior, a marea cidadá. O uso particular desta frase está sendo recollido polos medios de comunicación internacionais. Atopamos en portugués: maré cidadã; en inglés: tide of citizens; en francés: marée citoyenne; en italiano: marea cittadina ou marea umana e en castelán: marea ciudadana.