Quizais deberiamos ir pensando en lle cambiar o nome ao Día do Libro polo de Día da Lectura xa que, mesmo sendo conscientes de que os libros como obxectos é improbable que cheguen a desaparecer, e mais de que os chamados libros electrónicos son dalgún xeito libros tamén, o que de verdade está sucedendo é o cambio radical da forma en que as persoas nos relacionamos cos textos, é dicir, de como lemos. Os libros electrónicos e especialmente as tabletas contan con capacidade para almacenaren cantidades de textos antes inimaxinables e fano sen renunciar á máxima mobilidade, cumprindo deste xeito un dos grandes soños dos fanáticos e fanáticas da palabra escrita de todos os tempos. Porén, o máis transcendente destes trebellos é a muda na nosa disposición mental, dando lugar a un novo xeito de ler, que pode definirse pola multisecuencialidade.
Nesta palabra obsérvase ben a correspondencia entre morfoloxía e semántica: o termo axústase ao concepto xa que conserva a noción de secuencia, a partir do neutro latino sequentia, ‘continuidade dunha historia’, ao tempo que o prefixo multi– achega a idea de ‘moito, en gran cantidade ou número’, como moitas son as posibilidades de lectura dun texto nun aparello electrónico. A lectura en soporte dixital non remata coa linearidade xa que a actividade de ler calquera clase de texto, sexa en papel ou dixital, faise necesariamente nun tempo e mantendo a progresión do fío argumental, mais o tipo de soporte e as utilidades informáticas que contén permiten ir máis alá abríndolle as portas a un novo xeito de relación entre o texto e quen le, por medio de buscas en rede ou de consultas en dicionarios ou outros contidos dixitais. Deste xeito, a actividade lectora corre parella ao modo característico en que funciona o noso pensamento, isto é, por asociación.
Para alén do anterior, a experiencia lectora multisecuencial tamén se proxecta na opción de compartir, grazas á relación entre aplicacións de lectura e distintas plataformas e redes sociais, co cal se consegue un enriquecemento total do contexto de lectura.