nadaliña

A primeira tarxeta postal para felicitar o Nadal que se ideou foi deseñada por John Calcott Horsley, un recoñecido ilustrador londiniense. En 1843 o artista recibiu unha encarga do aristócrata inglés Henry Cole, que pretendía felicitar os seus coñecidos polas festas sen ter necesidade de lles escribir unha misiva persoal a cada un; daquela pensou nunha tarxeta debuxada que expresase os seus mellores desexos para o Nadal. A proposta foi un tríptico cunha mensaxe alusiva ao Nadal e ao Aninovo cun par de liñas en branco, unha para indicar o remitente e outra para o destinatario. Resultou unha sorpresa grata (mesmo venderon algunha daquelas primeiras) e ao pouco este uso chegaría a consolidarse, traspasaría fronteiras e comezaríanse a imprimir postais en serie, dando orixe a unha tradición máis do Nadal. Este costume aínda se mantén, mais con variantes. As tarxetas en papel que se reciben escasean, son moitas máis as que se envían en formato electrónico.

O Dicionario incorporou en 2021 ao seu elenco de voces o termo nadaliña que se define como “felicitación ou mensaxe de afecto, con texto, imaxes e mesmo música, que nas proximidades do Nadal se envía a familiares, amigos ou coñecidos”. O vocábulo é un derivado mediante sufixación apreciativa sobre o substantivo Nadal que procede do latín (diem) natalem ‘día do nacemento’. Xorde para nomear as tarxetas (en calquera formato) que se envían nesta época, pero tamén para tentar frear (se for posible) a consolidación dun estranxeirismo innecesario Christmas [cards]. O primeiro rexistro lexicográfico desta proposta encontrámolo no Diccionario galego-castelán e Vocabulario castelán-galego, obra de Leandro Carré Alvarellos publicado en 1979. Aínda que o creador do termo foi Sebastián Risco tal como el mesmo manifesta no limiar da súa obra 14 Nadaliñas: 1958-1973, onde se recollen catorce poemas dedicados ao tenro suceso da Natividade de Xesús. Na actualidade a palabra xa non ten necesariamente esa connotación que a vinculaba coa festa cristiá e emprégase como unha forma de expresarlles os mellores desexos ás nosas amizades no período festivo e familiar ao redor do final do ano.

Por outra banda tamén relacionamos a nadaliña coa música. O Dicionario na segunda acepción outórgalle o significado de “canción popular de tema relixioso, que se canta polo Nadal”, cos sinónimos panxoliña e vilancico. As panxoliñas son calquera canto de Nadal, Aninovo ou Reis. O nome panxoliña bebe do verso dun himno litúrxico de Tomé de Aquino do século XIII: Pange lingua, e pasou de designar un canto relixioso de celebración a un canto exclusivo do Nadal. Sarmiento reescribe a frase latina como pangoliñas. O termo vilancico relaciónase coa palabra latina villanum (aldeán): os evanxelizadores utilizaban cancións populares que o pobo recoñecía para difundir a nova fe entre a maioría iletrada.

 

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir