ofiúco

Se naciches entre o 30 de novembro e o 17 de decembro desde sempre pensas que es un saxitario, mais interésache seguir lendo porque é posible que teñas unha idea de ti e do que vai ser a túa vida un chisco desfasada. Cando menos, iso pensan os que aseguran predicir o comportamento e o futuro da xente polo seu signo zodiacal, pois parece ser que aos doce tradicionais habería que engadirlles un novo, chamado Ofiúco.
 

O nome dos signos do zodíaco coincide co das constelacións que os representan, e a de Ofiúco bautizouse en honor do personaxe homónimo da mitoloxía grega, fillo de Apolo cunha muller mortal, do que se destacaban os seus dotes para o oficio de médico, que o fixeron coñecido por ter a capacidade de curar as enfermidades máis terribles, conseguindo incluso volver os mortos á vida. Ao cabo, este poder foi tamén a causa de que os deuses acabasen con Ofiúco, ben que lle reservaron en homenaxe un lugar no ceo, onde aparecería sostendo unha serpe –símbolo da vida que se renova, na antiguidade–, que pasou a ser historicamente o animal emblema da Medicina.
 

Precisamente do nome do réptil procede o apelativo do personaxe mitolóxico pois óphis, -eos era a palabra grega para chamarlle á serpe, e esta voz acabou gramaticalizando como prefixo (ofi– / ofio-) para entrar na formación de palabras sempre con este significado, como sucecede por exemplo en ofiolatría, o culto ou adoración da serpe. Entre nós, a palabra ofiúco ten de ir marcada con acento na segunda vogal da secuencia en hiato, por corresponderlle unha acentuación grave.
 

Á marxe das fantasías dos astrólogos, en astronomía, o zodíaco (a través do latín zodiacus  e este do grego, onde contiña o significado de ‘roda de animais’) é unha banda circular da bóveda celeste dentro da que se moven o Sol, a Lúa e os planetas. Desde a antiguidade, dividiuse en doce segmentos –o mesmo que doce meses ten o ano– representados, cada un deles, por unha constelación, a máis destacada entre as que podían observarse nos seus trinta graos de diámetro (doce segmentos de 30 graos dan os 360 da roda ou elipse do zodíaco astronómico).
 

Partindo desta estrutura celestial baseada na observación, os astrólogos deron en compoñer un exitoso invento, definindo os doce signos zodiacais e asegurando que podían adiviñar o horóscopo de cada persoa segundo a posición dos astros o día do seu nacemento, mais o seu modelo está cheo de inconsistencias, tantas que mesmo en varios momentos do ano o mes zodiacal non coincide co período no que a constelación destacada ocupa o ceo ao paso do Sol. Nos anos 30 do século pasado, a Unión Astronómica Internacional fixou a posición da constelación de Ofiúco (coñecida como “O cazador de serpes”) e, desde 2011, unha das correntes adiviñatorias inclúea como novo signo, botando a perder de novo todas as contas astrolóxicas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir

Axúdasnos a mellorar? Pechar

A túa opinión impórtanos. Queremos saber como usas o Portal das Palabras, que che gusta máis e se botas algo en falta.

Enredarache moi pouco tempo!

Cubre a enquisa aquí