webserie

Hai tempo que as series de televisión se converteron nun fenómeno comunicativo indiscutible e mesmo chegou a ser máis común escoitar o termo seriéfilo ca cinéfilo. Mais foi coa volta do século –aló cando medrou a velocidade e capacidade de descarga de Internet e evolucionaron os programas de reprodución de imaxes de vídeo–, o momento no que as persoas afeccionadas a esas series de ficción se liberaron da obriga de estaren un día concreto, a unha hora determinada, diante do televisor. No momento no que os capítulos comezaron a estar dispoñibles na Rede –permitindo a súa descarga e mesmo a visualización directa desde un servidor, é dicir, reproducíndose ao baixar, ou en streaming, como din en inglés–, ao tempo que se popularizaron os teléfonos intelixentes e as tabletas, así como as redes móbiles celulares, tivemos a oportunidade de ver vídeos sen depender do tempo, do lugar ou do dispositivo.

Aproveitando esa liberdade para visualizar as series en calquera situación e a demanda dun público interesado, xurdiu un novo formato específico para Internet, as series na web ou webseries. Son produtos audiovisuais pensados e preparados para se distribuír na Rede –tamén se realizaron só para móbiles–, estruturados en episodios, é dicir, breves programas cunha unidade argumental e, polo xeral, cunha produción máis económica ca os da televisión.

Se a Wikipedia asegura que a primeira webserie foi The spot, unha produción californiana de 1995, a pioneira entre as nosas é Oculta identidade, da que se publicou o capítulo piloto o 11 de marzo de 2008, baixo a dirección de Bruno Nieto e a produción de Paula Mariñas, na Escola de Imaxe e Son da Coruña. En YouTube pódese ver a serie completa (dez capítulos).

Lingüisticamente, webserie é unha adaptación do anglicismo web series, que convive con serie web, aínda que esta ten unha frecuencia de uso menor. Para nós non deixa de ser unha variante actualizada para a Web do serial “obra, especialmente novela, difundida pola radio ou a televisión en capítulos sucesivos”, un formato creado a mediados do século XX. As series tamén o son de obras impresas e con esta acepción comezou a utilizarse en  inglés a principios do XVIII, popularizándose despois de 1836 coa publicación das novelas serializadas de Dickens no Reino Unido e os folletíns de Alexandre Dumas en Francia.

Tanto serie coma serial veñen do latín series “fila, cadea, secuencia ou conxunto en liña”, derivado á súa vez do verbo serere “unir, vincular, organizar, conectar, colocar xunto a, atar”.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir