Planta anual da familia das solanáceas, orixinaria da India, co talo cuberto de pelos e espiñas, flores de cor violeta e froito alongado e comestible, de pel brillante de cor morada / Froito desta planta
Etimoloxía
Vocábulo tomado do árabe hispánico baḏinǧána, e este remite ao árabe clásico bāḏinǧānah, que nos leva ao persa bātingān. O nome científico que corresponde é Solanum melongena.
Exemplos *
“Plantamos leitugas, tomates, berenxenas. Comemos do que nós cultivemos.” (Santiago Cortegoso: A filla de Woody Allen, Pequenos actos pseudorrevolucionarios / O furancho, 2016)
“Cultívanse varios tipos de coles (...). Remolacha para os animais, cabazas, tamén cebolas, allos, cenorias, tomates pementos, berenxenas e alcachofas de recente implantación.” (Jesús Alfonso Parada Jato: Usos, costumes e cousas do Courel, 2007)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.