engalar

Nos medios de comunicación aparecen, de cando en vez, expresións que nos informan de que un avión ou aeroplano engalou, ou pola contra que non foi quen de engalar, caso que anuncia a posibilidade dun desastre. Mesmo para moitas persoas que coñecen ben o noso léxico, o termo provoca sorpresa. Mais hai moito que un avión engalou por primeira vez na nosa lingua. Xa choveu desde que Piñeiro, o piloto de Cuntis levantara o voo sobre o Lérez en 1911, inaugurando a aviación no noso país. Un par de anos máis tarde, en 1913, atopamos entre as páxinas do quincenario agrarista O Tío Pepe, editado na Fonsagrada, unha referencia orgullosa a este pioneiro e nela tamén un dos primeiros usos rexistrados deste verbo: “Leín que un señor Piñeiro (…) sabía voar neses aeropranos que engalan (…) Xa ves: temos en Galicia políticos, pintores, músicos, toureiros, poetas, cantores e ata paxaros de uñas e dos outros.

Sobrevoando a historia da nosa lexicografía, comprobamos que no 1932 aparece nun dicionario o verbo engalar, co significado de “mover as ás, voar”. De volta á actualidade, vemos que a versión en liña do Dicionario da Real Academia Galega recolle o sentido específico de “separarse unha aeronave do solo ou da auga ao iniciar o voo”.Engalar ten unha orixe clara: se algo precisan os paxaros ou os avións para voar son as súas alas e esa é tamén a base léxica desta palabra, á que se lle engaden distintos morfemas ata chegar á forma verbal. Deste xeito, do IN-ALARE latino damos en engalar para o que houbo que desenvolver un -g- idéntico ao que aparece noutras moitas palabras, por exemplo engadir (de IN-ADDERE).

É curioso que no portugués atopemos un verbo de forma igual pero cunha base moi diferente: o engalar luso créase sobre “galo” e ten o significado de “arquear o pescozo o cabalo ao levantalo, como fai o galo”.  Para falaren de levantar o voo o avión, os portugueses empregan o verbo descolar, que provén do francés décoller, onde tiña o sentido orixinario de “separar obxectos colados”; na segunda metade do XIX, consolídase unha extensión do seu significado que pasa a ser “separarse de algo” e xa finalmente no XX confírmase como “deixar o chan”.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir