azul

Abaixo, á esquerda: Reconstrución da primeira policromía elaborada por Petra S. Coop. No centro da imaxe: detalle do estado actual do Pórtico coa pintura de lapislázuli (s. XII) baixo a capa de ouro. © Programa Catedral_Fundación Barrié/Fundación Catedral

A Fundación Barrié xunto co seu Proxecto de conservación e restauración do Pórtico da Gloria e a súa contorna foron galardoadas co Premio de Patrimonio Europeo / Premio Europa Nostra 2019 na Categoría de Conservación. Grazas a el foi posible devolverlle a cor ao Pórtico da Gloria. Os traballos de restauración destaparon unha manchea de segredos escondidos na obra de Mateo. Un dos máis rechamantes é o predominio do azul na primeira policromía. Esta preponderancia era ao mesmo tempo un símbolo da bóveda celeste, unha ostentación de riqueza e unha imposición da moda.

O caso é que a cor que acabaría por simbolizar a todos os galegos (para afondar nisto recomendamos o artigo de Pepe Barro “Coidas que a nosa côr é así?”) estivo reducida a un papel totalmente marxinal en Occidente ata precisamente o século XII. Tal como conta o grande historiador das cores Michel Pastoureau na súa obra Bleu, durante a antigüidade esta cor era como se non existise non sendo citada nin sequera ao falar do arco da vella. Os ollos azuis eran considerados, por romanos e gregos, case como un defecto físico, signo de pouca virtude nas mulleres e de efeminamento nos homes. O azul era unha cor con significado negativo, identificada cos bárbaros, celtas ou xermánicos, que se pintaban desta cor, a cal obtiñan da isatis tinctoria para asustaren os inimigos. Quizais por esa vía foi por onde pasou, de maneira tímida, ás roupas dos emperadores xermánicos na alta Idade Media, ata que desde finais do século XI comeza a ser a cor de moda asociada á Virxe e mais ao poder real.

O nome de “azul”, que empezou sendo “azur”, ten precisamente a súa orixe na denominación árabe lázaward do lapislázuli, que á súa vez era unha adaptación do persa. A propia palabra “lapislázuli” significa ‘pedra azul’. A pedra coa que se fixo durante séculos o azul máis apreciado proviña de Afganistán e Irán. A cantidade de azul de lapislázuli de primeira calidade que se empregou no Pórtico fala da dimensión que tivo o proxecto na súa época; en toda a obra, utilizouse o mellor que se puido acadar.

Moitas linguas europeas adoptaron, porén, a denominación xermánica, con ou sen paso polo latín blavus, tamén de procedencia xermánica: Blau en alemán ou en catalán, bleu en francés, que tamén inclúe azur para o azul celeste, blue en inglés.

Chegado o século XX, o azul democratizouse e acadou o seu éxito final: sendo a cor que teñen os vaqueiros, converteuse sen dúbida na cor que viste o mundo.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir