Partindo da bioloxía e do coñecemento humanístico, e orientada a establecer un sistema de prioridades que dirixan a práctica científica no respecto á dignidade de todas as formas de vida, a humana, a animal e a vexetal, a bioética é a disciplina que esixen cuestións tan de actualidade como a investigación con células nai, os produtos transxénicos, o tratamento dos enfermos terminais e a eutanasia, as tecnoloxías de reprodución asistida ou as chamadas catástrofes naturais. Pola súa condición ética (do latín ethica ‘parte da filosofía que estuda a moral’) é así mesmo necesariamente interdisciplinar, relacionándose, entre moitos outros, con ámbitos como a produción industrial, a praxe política, a relixión, o dereito ou a medicina.
Bioética está composto polo xa comentado elemento ethica e mais por bio, que pode aparecer en distintas posicións morfolóxicas (microbio, simbiose ou antibiótico), dando lugar a unha gran variedade de termos, especialmente en combinacións como biociencia, bioquímica, biotecnoloxía, bioelectricidade ou bioenxeñaría. En todos os casos, bio (do grego bios) ten o valor xeral de ‘vida’.
En 1927 o teólogo alemán Fritz Jahr define nun artigo o imperativo bioético (bio-ethik na súa lingua), sobre a idea de que todo ser vivo é un fin. Mais a maior difusión do termo bioética vén da man do bioquímico e oncólogo Van Rensselaer Potter, que en 1970 retoma nun escrito a denominación cuñada por Jahr e, un ano máis tarde, redacta o primeiro tratado sobre o tema: Bioética, unha ponte cara ao futuro.
Á nosa lingua, a expresión chega moito máis tarde (a primeira referencia rexistrada en prensa data de 1995) e non é ata 1998 que atopamos na obra de Daniel Soutullo Os xenes e o futuro humano o texto seguinte:
“Un dos problemas máis espiñentos asociado á posible discriminación xenética dos individuos é o da confidencialidade dos datos xenéticos. Aínda que os comités de bioética fan moito fincapé en que a confidencialidade xenética debe ser respectada e salvagardada e de que ninguén debe ser sometido contra a súa vontade a un exame xenético (…)”