A razón pola que esta palabra aparece repetida con frecuencia nos medios de comunicación provén dunha moda que comezou nos Estados Unidos e consiste en saír á rúa disfrazado de pallaso, preferiblemente con nocturnidade e por lugares pouco concorridos, co propósito, parece, de amedrentar as persoas coas que se cruzaren. O que era unha broma, probablemente como parte da promoción dunha película, semella que se lles foi das mans, xa que comezaron a aparecer imitadores noutras partes do mundo, tamén en Europa. A consecuencia disto no plano da lingua é que está de actualidade a palabra coulrofobia, un termo en aparencia propio do ámbito da psicoloxía e as patoloxías mentais, que en realidade é unha creación neolóxica tan recente –recóllese por vez primeira en 2001, aínda que algunhas fontes aseguran que hai exemplos xa nos oitenta do século pasado– que mesmo se pon en dúbida que pase de ser unha ocorrencia que se fixo popular.
A coulrofobia podería definirse como o “medo irracional aos pallasos e aos mimos”, nas mesma liña dos centos de fobias, recoñecidas oficialmente ou non, das que se ten noticia, algunhas delas ben curiosas. Quen a padece chega a sufrir, perante o personaxe coa maquillaxe e as perrucas de cores estridentes, ataques de ansiedade, perda de alento e mesmo arritmias. Parece que é máis frecuente entre os cativos, na maior parte dos casos por mor dunha mala experiencia puntual, aínda que tamén se contabiliza un número sorprendente de adultos que confesan compartir este terror, e quizais ese foi o detonante de que xurdise un termo específico.
Na antiga Grecia non existía unha palabra específica para o pallaso no sentido moderno
Canto á etimoloxía, a hipótese máis repetida é que se collese do grego antigo, probablemente vinculada a unha forma kolon, que lles daba nome ás extremidades do corpo humano. En concreto, o Dicionario Oxford sinala como étimo o substantivo kolobatheron ‘zanco’ –outras fontes falan de kolobathristes, literalmente ‘o que anda sobre zancos’–, xa que na antiga Grecia non existía unha palabra específica para o pallaso no sentido moderno, e porén eran populares os cómicos que camiñaban sobre estes paus, para divertimento da xente.
Pola súa banda, pallaso “artista que fai rir” chega desde a lingua italiana pagliaccio que, á súa vez, é un derivado sobre paglia ‘palla’, posto que a indumentaria empregada polo artista semellábase á funda dun xergón. Outra voz estendida é o anglicismo clown que significa pallaso e ten procedencia incerta, aínda que Merriam-Webster e Oxford coinciden en situalo no baixo alemán. Algúns estudosos lanzan a hipótese da recepción do termo a través dun dialecto escandinavo, o que xustificaría a iconografía, xa que se referiría a persoas de face lívida e co nariz avermellado pola friaxe.