Esta palabra comezouse a utilizar non hai moito, primeiro nos medios de comunicación e a seguir na rúa. Mesmo se pode escoitar o verbo escrachar.
Podemos rastrexar este préstamo no español usado en América, especialmente en Arxentina, onde despois da ditadura de Vilela, a Asociación de Dereitos Humanos “HIJOS” fixo popular este vocábulo.
O seu significado e orixe son controvertidos, mais, a día de hoxe, entendemos que un escrache é 'unha protesta pacífica na que un grupo de persoas, que queren reivindicar o que consideran os seus dereitos, acode ao domicilio ou lugar de traballo de alguén que se quere denunciar para deixalo en evidencia'.
Sobre a orixe do termo, temos diferentes opcións nas que os propios expertos non chegan a acordo. Desde un posible francés cracher ('cuspir') ou écraser ('esmagar'), do lunfardo escrachar ('acción de poñer en evidencia'), do inglés scratch ('raiar' ou 'rabuñar'), ou do lígur de Xénova scraccé ('fotografía', 'retrato'). En concreto, o filólogo Marco A. Morínigo no seu Diccionario de americanismos (1985) sostén que escrachar procede do inglés scratch e que en Arxentina significa 'estragar', 'ensuciar' e explica que pode ser un cruzamento co italiano schiacciare. Se consultamos este termo italiano, por exemplo no dicionario Il Nuovo Zingarelli, hai unha acepción figurada que di literalmente “Annientare soto il peso della forza fisica o morale”, é dicir, “humillar baixo o peso da forza física ou moral”.
Quedamos con esta última idea da forza moral, xa que, sexa cal sexa a procedencia etimolóxica da palabra, o seu uso concrétase nunha acción de presenza persoal para poñer en evidencia a alguén que cometeu precisamente iso, unha inmoralidade, unha indecencia.