Contra finais dos anos setenta do século XX comezou a ser habitual nas empresas estadounidenses e británicas a contratación a terceiros de certos traballos ou servizos. Procurábase nuns casos a especialización e noutros o abaratamento de determinados custos, levando fóra da empresa e mesmo alén das fronteiras parte da produción, evitando así certos impostos ou dereitos de asistencia aos traballadores e traballadoras. Para dar conta desta práctica, na década dos oitenta xorde no ámbito anglófono o vocábulo outsourcing, en referencia á ‘parte do traballo ou da produción dunha empresa que se contrata no estranxeiro’. Unha tradución literal do sentido orixinario de outsourcing podería ser ‘ter fontes externas’, se nos remitimos ao francés antigo sourse, ‘cabeceira dun río ou regato’, sobre o que se constrúe. Porén o valor que desenvolveu no contexto específico da xestión empresarial parece máis relacionado cunha acepción moderna de source como ‘quen prové o que se precisa’, e faino ‘fóra’ (out) .
Ao noso país, con algo de atraso, tamén chegou a mesma tendencia e recollendo a intencionalidade da palabra inglesa, a partir do adxectivo externo –a derivouse externalizar, e de aí o substantivo de acción e resultado externalización, un neoloxismo que no ámbito da economía e da actividade empresarial e de mercados, podería definirse como a ‘contratación parcial do traballo ou dun servizo a unha entidade externa á propia empresa’. Este procedemento de creación é recorrente noutros verbos derivados de adxectivos (contextualizar, idealizar ou finalizar, por exemplo), mais para o caso de externo, a derivación esperable por sufixación sería *externizar. É probable que a influencia do inglés externalize (sobre o adxectivo external) teña que ver con esta solución, que está en concordancia coas adoptadas noutras linguas da contorna: o portugués externalização, o catalán externalització, o español externalización, o francés externalisation ou o italiano esternalizzazione.
O termo externalización está recollido en certos glosarios especializados e tamén se encontra avalado polo uso social. Da década dos 90 en adiante, atópanse bastantes referencias a este substantivo e tamén ao verbo derivado externalizar. Tampouco son alleas outras formas cun valor semántico equiparable, aínda que non en todos os contextos, como son subcontratación (ou máis coloquialmente subcontrata) e subcontrar, ou tamén deslocalización e deslocalizar.
A controversia e o interese polo termo externalización aumentou nos últimos tempos en que no sector privado é frecuente externalizar parte da produción para aumentar as marxes de beneficio e tamén porque moitas persoas ven nesta palabra unha forma eufemística de chamarlle ao que realmente sería un proceso de privatización, especialmente cando falamos de servizos públicos que a Administración deixa á xestión de empresas privadas.