píxel

O que se pode ver na imaxe superior é unha ampliación da pantalla dun computador chegando ao nivel onde se comezan a ver os píxeles, iso que tanto gaban as novidades das cámaras dixitais ou as dos móbiles. Son eses puntiños de diferentes cores que o ollo humano non distingue a simple vista e que conforman as imaxes dixitais. Tamén se fala deles respecto á resolución do sensor que as toma ou da pantalla que as reproduce.

Este termo procede do inglés pixel, acrónimo formado por pix, plural coloquial de picture (pics) –que significa ‘retrato’ ou ‘imaxe’–, e element (el-) –’elemento’–. A súa definición é “punto que representa a unidade mínima dunha imaxe dixital” e a súa abreviatura é px, como podemos comprobar no Dicionario galego de televisión e no Dicionario galego das TIC.

O mesmo que en todos os estranxeirismos, en píxel mantense a pronuncia orixinal con [ks] –como no caso de sexo ou taxativo–, e acentúase seguindo as regras das NOMIG (Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego). Neste caso, ao ser unha palabra grave rematada en consoante diferente de <-n>, <-s> ou <-ns> leva acento gráfico. Coas mesmas regras fórmase o plural, e ao ser unha palabra grave rematada en <-l> engade <-es> para formalo (píxel =>píxeles).

Partindo de píxel, e antepoñéndolle o prefixo mega formouse megapíxel que equivale a ‘un millón de píxeles’. É habitual ver este novo termo asociado ás cámaras dixitais, ben sexa como aparellos independentes ou formando parte dos móbiles máis recentes, e refírese á resolución con que son capaces de recoller unha determinada imaxe ou vídeo. Por exemplo, se unha cámara pode captar  fotografías de 3872 px de alto por 2592 px de largo, o seu sensor terá unha resolución aproximada de 10 megapíxeles, dando a posibilidade dunha maior calidade.

Sobre o substantivo píxel xerouse o verbo pixelar que se utiliza cando unha imaxe deixa de estar nítida e comezan a ser evidentes eses puntiños que a forman. Neste caso dicimos que a imaxe está pixelada.

 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir