O derrubamento financeiro de 2008 xerou, alén da estrutura clásica de segmentos e clases sociais, un novo grupo formado polas vítimas da voracidade dos responsables da crise económica, persoas heteroxéneas que non pertencen a un colectivo concreto pero que comparten a aversión, a ansiedade e a alienación que lles produce a situación á que se ven abocadas: a precarización.
E á par dela xorde estoutro termo precariado; a finais do século XX a Fundación Friedrich Ebert estudou en Alemaña o estrato social que, despois da postindustrialización, ficou descolgado do resto da sociedade: persoas de familias monoparentais, con enfermidades crónicas e desconfiadas das institucións políticas. Posteriormente os sociólogos Robert Castel, desde Francia, e o italiano Andrea Tiddi abordaron o tema dun xeito menos restritivo e máis global, e recentemente o economista e sociólogo inglés Guy Standing adoptou o termo, definíndoo como “a clase de persoas que se encontran en situación de precariedade prolongada polo seu baixo nivel de ingresos e pola incerteza sobre o seu futuro laboral”.
O concepto e a designación atopámolo en todas as linguas do noso redor baixo unha forma semellante. Así, en catalán din precariat; en francés: précariat; en italiano, precariato; en inglés, precariat; en alemán, prekarit; e en portugués e castelán: precariado. O termo podería vir da unión de precario e proletariado ou, como sosteñen outros, da derivación de precario ao que se lle xuntou o sufixo –ado, ‘colectivo ao que se pertence’.
Este neoloxismo retrata unha realidade deste novo mundo global xa que non se circunscribe a un territorio concreto, a un treito de idade particular ou ás persoas sen formación senón que calquera, dun día para outro, pode pasar a formar parte del. De feito, á precariedade logo se chega.