suadoiro

Imaxe extraída dun fotograma da película ‘Rocky

Silvester Stallone consagrouse como estrela do celuloide con Rocky, filme estreado no ano 1976. A pegada que deixou nas nosas retinas é tan profunda que non fai falta telo visto para visualizar o actor, convertido no popular boxeador, subindo coma un tiro as escaleiras do museo de arte de Filadelfia ao ritmo de Gonna Fly Now. Alí, ao pé daqueles banzos, unha escultura de bronce recorda a Rocky Balboa vestido só cos calzóns e as luvas de boxeo. Porén, na escena en cuestión a peza de roupa protagonista é outra: un suadoiro, “chaqueta ou xersei de deporte de tecido groso, que pode ter capucha”. Catro décadas despois, esta peza volve encher os armarios. O mundo da moda determinou que combina con todo e ata a vemos nas pasarelas! E preguntámonos: Cal é a orixe desta peza de roupa e da palabra que lle dá nome?

O suadoiro é un éxito froito, semella, dunha evolución. A finais do século XIX popularizouse un tipo de xersei entre os vendedores de froitas e verduras de París que foi bautizado como chandail. O termo procede dunha expresión que recorda esas primeiras persoas que o usaron, marchand d’ail, que se traduce literalmente como ‘vendedor de allos’, e que chegou ata o actual chándal ao saltar do mercado ao deporte.

O suadoiro tal e como o coñecemos hoxe, fabricado nun algodón suave que evitaba os proídos doutros tecidos, seica naceu décadas despois, nos anos 20 do século XX, na factoría téxtil fundada en Alabama por Benjamin Russel, dedicada inicialmente á roupa interior feminina e infantil. Os primeiros suadoiros fixéronse, de feito, a partir do xénero que se empregaba para esas mudas e foron bautizados polas mulleres que os fabricaban como sweatshirts (camisas de suor ou de suar) polo estado en que quedaban tras seren usados, porque os suadoiros axiña tiveron éxito como roupa para facer deporte e traballar á intemperie.

Se falamos das raíces lingüísticas de suadoiro, atopámolas moito máis atrás no tempo, e na mesma familia léxica do verbo suar. Ambas as palabras están relacionadas co étimo latino sudor, -oris ‘transpiración’, e son exemplos de formacións patrimoniais, igual ca suorento, nas que se perde a dental sonora /d/. Xusto o contrario acontece nos cultismos sudoral, sudación, sudatorio ou sudámina, que a manteñen.

Referida ao xersei ou á chaqueta de deporte, a palabra suadoiro constitúe en realidade unha acepción neolóxica que convive coa tradicional, “manta que se lle pon ás cabalerías debaixo da sela”, propia da hípica. A composición é ben sinxela: ao verbo engádeselle o sufixo –doiro co se forman substantivos que indican ‘lugar onde…’, como o embarcadoiro ou obradoiro; ou, como é o caso, co que tamén se crean ‘obxectos ou instrumentos que serven para…’, como pode ser rascadoiro ou suadoiro. Esta escolla formativa é común a outras linguas. É o caso do catalán, onde atopamos dessuadora, mentres que o camiño escolleito polo italiano é diferente: mediante metonimia co tecido co que se elabora, o noso suadoiro convértese neste idioma en felpa. Porén no francés e no portugués europeo (aínda que convive cos termos agasalho esportivo ou moletom) optaron polo uso do vocábulo inglés creado polas traballadoras da factoría de Russell, sweatshirt.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir