vaporear

Por moito que lle tiren das orellas ao Moncho neste capítulo do Era visto, o home ten algo de razón cando di que co cigarro electrónico fumar non fuma. Polo menos se nos cinguimos ao que di o Dicionario, xa que fumar é “aspirar e despedir o fume do tabaco ou doutras substancias que se queiman en cigarros, pipas etc.” e o que se fai co cigarro electrónico é ‘inhalar e expulsar o vapor aderezado con distintas substancias, entre delas nicotina, que se produce mediante un vaporizador eléctrico’. Parecido pero non igual no eido da lingua. No da saúde, aínda que tampouco sexa exactamente o mesmo, xa quedou claro que inocuo non é. Recentemente confirmáronse varias mortes relacionadas con este hábito nos Estados Unidos e centos de casos de problemas pulmonares, e en España o Ministerio de Sanidade lanzou unha campaña publicitaria na que alerta de que “fumar ata e mata en todas as súas formas”.

Para denominar o que se fai con este tipo de “cigarros”, na nosa sociedade fíxose un oco a forma vapear, adaptada directamente do inglés to vape, que xorde seguramente como un regresivo da palabra vapour, mais parece que, desde un punto de vista lexicográfico, o neoloxismo vaporear é o máis atinado para resolver a necesidade de contarmos cun termo específico para este novo hábito, xa que non existe unha palabra que recolla todos os matices de significado deste verbo (vaporizar significa “converter en vapor” pero non contén os semas ‘aspirar’ e ‘expulsar’).

Vaporear por derivación en –ear sobre vapor é coherente coa neoloxía do noso sistema lingüístico (análoga por exemplo a barbear –barba–, boicotear –boicot– ou saborear –sabor–) e tamén coa maioría das linguas da contorna, onde rexistramos neoloxismos parellos, que son creacións todos eles sobre o substantivo vapor. Documentamos en catalán vaporejar, derivado co sufixo –ejar; en italiano, svapare grazas ao prefixo s– e o sufixo –are; en castelán, vaporear coa partícula –ear; para o francés atopamos vapoter, fundamentada en vapeur ‘vapor’, que se está a consolidar grazas aos medios de comunicación e mesmo coa súa inclusión na próxima edición de dous recoñecidos dicionarios. En portugués de Portugal, porén, atopamos só exemplos de uso nos que se alterna o verbo vapear co anglicismo vaping. No Brasil, ampliouse o significado de vaporar (inicialmente “lançar vapores“) para facelo coincidir co que se fai co cigarro electrónico.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir