Se es ou fuches dos queimados de Doctor Who, has saber ben de que falamos. En latín, vortex –icis significaba ‘remuíño’, o que coincide co valor actual de vórtice, que é “o movemento rápido en forma de espiral dunha masa de auga, aire etc.”. A palabra é aplicable en moitos ámbitos así que podemos falar de vórtice de enerxía, vórtice temporal, vórtice magnético etc. E tamén, claro está, vórtice polar.
Na terminoloxía do clima desígnase co nome vórtice polar a unha masa de aire frío xiratorio ou ciclón persistente de grande escala que se sitúa nun polo xeográfico e se localiza na media e alta troposfera e na estratosfera. A súa intensidade é maior no inverno.
Ao ter a Terra dous polos, tamén teremos dous vórtices. Así, o vórtice ártico ten unha forma alongada e dous centros, Canadá e Siberia. Cando estes se moven un chisco perden a súa función inmobilizadora e mandan vagas de frío intenso para onde non é frecuente, como ocorreu recentemente. De todos os xeitos, as ondas atmosféricas xeradas polas altas montañas que hai no norte fan que a intensidade do frío sexa menor, permiten a entrada de aire temperado e que as temperaturas sexan un chisco máis benignas ca no sur.
O outro vórtice, o antártico é máis persistente debido á orografía da zona, que por ser máis chaira non é quen de romper o remuíño para que entre algo de aire quente e diminuír a súa forza. De feito, este vórtice, que acada temperaturas de ata –90 ºC, illa a Antártida do resto da atmosfera e permite a proliferación de nubes polares estratosféricas, con cristais de xeo que actúan sobre as moléculas de ozono provocando a súa destrución e a creación do famoso buraco.
Este fenómeno non é exclusivo da Terra senón que outros planetas e corpos celestes tamén o teñen como é o caso de Venus, Marte, Xúpiter, Saturno e mesmo unha das súas lúas. O saber non ocupa lugar e sempre está ben ter temas diversos de conversa nun ascensor, pero estámonos a facer uns verdadeiros homes e mulleres do tempo a forza de fenómenos climáticos inhabituais.