concatenación

Figura de dicción consistente na repetición reiterada da parte final dun verso ou frase ao comezo do verso ou frase seguintes.

Etimoloxía

Chegou desde o latín tardío concatenatio –onis, derivado do verbo concatenare e este de catena –ae ‘cadea’.

Exemplos *

“Estiven observando como se facían as concatenacións célticas [...], vin que terminaba un verso coa mesma palabra coa que comezaba a seguinte ...” (Xosé M. Salgado e Xoán-M. Casado: X.L. Méndez Ferrín)

“... non nos cabe dúbida de que esta construción textual de Fernando Esquio se serve da concatenación e da anulación das pausas estróficas ...” (Carlos Paulo Martínez Pereiro: A indócil liberdade de nomear)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.