Sete palabras de porca beleza

O porco dá todo de si para nos compracer por conseguinte non sobra a homenaxe a este animal que acabou inxustamente servindo de mal nome, malia as súas bondades e tamén beldades, que son moitas.

E é que moito antes de que en Lalín aparecesen esculturas de porcos tuneadas ao máis puro estilo da arte pop, xa eramos moito de fixarnos na pinta deste animal de crianza regalada e final tráxico ditado por san Martiño.

Do porco prestan ata os andares, por iso se repara con detalle no seu aspecto, en ocasións establecendo correlacións entre este e a calidade da súa carne, e utilízanse para caracterizalo curiosas palabras, unhas referidas á súa aparencia xeral e outras máis atentas a pequenos detalles. Velaí sete formas precisas de chamarlle a un porco, ou porca (con perdón).

 

1

canavés -a

Porco de fociño alongado e constitución pouco robusta.

Os porcos canaveses ou caniveses son polo xeral altos de perna e estreitos no ventre e nos cadrís e teñen que pasar un bo tempo cebándose para a matanza, xa que neles os resultados da mantenza tardan moito en notarse. Isto é o máis característico destes marráns, ata tal punto que, segundo recollen algúns autores, pódeselle chamar canavés a calquera ‘porco desmedrado’ ao que, por moito que se lle dea de comer, non se ve que lle aproveite.

Tal como apuntou Sarmiento, a denominación probablemente estea relacionada con cana que, pola súa forma longa e delgada, está na base de adxectivos que aluden a estas características, como tamén, por exemplo, escanado, que se di dunha ‘persoa de boa figura’.

Segundo di o refrán,  para cebar un canavés fan falta tantos anos coma pés, o que supoñía unha ruína nunha casa pobre, pero tiña como resultado unha carne de excelente calidade.

2

cillado -a

Porco que ten unha faixa de cor distinta á do resto do corpo.

O distintivo dos porcos cillados, cinllados ou cintados é que presentan unha franxa, xeralmente unha tira dunha cor distinta, que dá a impresión de que lles cingue o corpo. Pero tamén pode pasar que teñan unha zona do lombo afundida e isto pareza o efecto dunha faixa.

Todas estas formas están relacionadas coa idea de ‘rodear’ e ‘apertar’, xa que cillado ou cinllado parecen emparentados con cinguir (procedente do latín cingere, que tiña o significado de ‘cinguir’ ou de ‘apertar’) e cintado con cinta, que no latín era o participio de cingere e hoxe o Dicionario recolle como “tira longa e estreita”.

Dinos Aníbal Otero que o porco cillado parece que leva no lombo unha sela de montar polo afundido que o ten. E se a franxa é de cor, o caso típico é que sexa unha faixa negra que lle rodea o corpo.

3

chino -a

Porco co fociño curvado cara a arriba.

As voces chino ou quino, que probablemente sexan onomatopeas, pódense empregar referidas a calquera porco, especialmente cando se chama por eles para que veñan. Pero hai quen concreta máis e só lle chama chino se revira o fociño para arriba.

Con todo, algúns autores din que o chino é un tipo de porco ‘de patas curtas’. Isto lévanos a pensar que non sería unha raza autóctona, xa que os de aquí eran máis ben altos e longos. Tamén eran os preferidos por moitos para a ceba porque engordan con facilidade, ou sexa, rapidamente. E é que xa o di o refrán, porco que está sen cebar non se debe matar.

4

colmaceiro -a

Porco que ten o pelo cara a atrás, no mesmo sentido desde a cabeza ata o rabo.

Poderíase pensar  que o nome de colmaceiro ou as súas variantes teña que ver co colmo, que é a cuberta de palla dos palleiros ou certas construcións como pendellos ou pallozas (tamén coñecidas como casas de colmo), mais non está claro que teñan a mesma etimoloxía e, xa que logo, que estean relacionados.

O pelo era unha das cousas que máis se observaban nun porco: se o tiña orientado cara a atrás, como é o caso do colmaceiro, tamén chamado colmeiro ou colmo; se lle facía remuíños no lombo, no caso do remuiñado; ou se era moi abundante (ou mesmo moi teso), o que para algúns serían os porreiros. Mesmo había quen consideraba que a abundancia de sedas era presaxio de boa carne, con abundancia de febra.

5

louseño -a

Animal, especialmente porco, de corpo e fociño alongados, e de pouca graxa.

Se relacionamos louseño con lousa que, en xeral, é unha ‘peza de escaso grosor’, xa podemos deducir que un animal que se cualifique como louseño non vai ser aquel de moito diámetro, senón máis ben o fraco e de poucas carnes.

Esta raza de porcos encaixa ben nas consideradas galegas, xa que estes son animais que destacan máis por longos ca por grosos, coa cabeza grande e a fronte plana e as patas altas e fortes. Non será fácil, pois, que se vexan callados de carne, pero, e aquí vén o positivo e interesante, tampouco teñen graxa.

O louseño é un tipo de porco, pero este adxectivo tamén llo podemos aplicar a calquera animal de poucas carnes e mesmo a unha persoa enxoita.

6

porreiro -a

Porco que ten as orellas guichas.

Segundo Sarmiento, o monte situado ao norte do río Lérez chamábase Porreiro porque nel abundaban os porros silvestres. A razón que ofrece Elixio Rivas para que este tipo de porcos recibise unha denominación alusiva ao topónimo é que se criaba incialmente nunha granxa que había precisamente no monte Porreiro.

Que o porreiro é un porco ‘coas orellas apuntado para arriba’ é igualmente información fornecida polo mesmo estudoso, que non coincide coa recollida na zona de Compostela, segundo a cal o porreiro é un porco ‘con moito pelo’. Nese caso, a motivación do nome podería vir de que o porreiro ou porral é o “terreo onde se sementan as hortalizas que logo se transplantan ao seu lugar definitivo” e, xa que logo, onde nacen moitas plantas moi mestas.

7

rabeno -a

Que non ten rabo ou o ten moi pequeno.

O rabeno, rabelo, rabón ou zuro é o contrario do rabudo ou rabilongo, se ben todos eles se caracterizarían polo tamaño do seu rabo: moi pequeno ou inexistente no rabeno, que destaca pola súa lonxitude no rabilongo. Todas, coa excepción de zuro, teñen que ver con rabo, procedente do latín rapum, que designaba o ‘nabo grande’. E, curiosamente, coincide en moitas linguas a denominación desta hortaliza coa do apéndice posterior de moitos animais.

A partir deste sentido de ‘pequeno’ referido ao rabo, aplicouse rabeno para algo ‘que ten escasa lonxitude’, como un pantalón ou unha saia, como recolle a cantiga Non penses mal, raparigo, por verme a saia rabena; tráiocha pra andar no monte, non pra que as pernas me vexan.

E o rabeno, que atopamos aínda hoxe como alcume, era tamén un ser lendario, unha especie de sátiro que abusaba das mozas.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir