Sete palabras con auga

Que haxa auga é unha das condicións necesarias para que exista vida, falemos do Universo ou do noso planeta Terra. Os territorios onde non hai uns niveis mínimos de auga soportan unhas condicións de vida extremadamente duras, ou mesmo acaban por converterse en espazos onde non se pode vivir por un período prolongado.

A auga quita a sede, mantén a hixiene e protexe a saúde; é un dos principais recursos enerxéticos e para que sexa posible un desenvolvemento sustentable é imprescindible. Por todas estas razóns, en xullo de 2010, a ONU recoñeceu oficialmente que o acceso á auga potable e o saneamento básico son dereitos humanos esenciais, declarando o 22 de marzo Día mundial da auga. É ben lembrar que non todos os países nin todos os sectores de poboación teñen garantido ese dereito e aínda que non é o caso do noso onde ata o momento –e malia as secas que trae o proceso de cambio climático–, seguimos sendo un país cun alto nivel de recursos hídricos e excedente na enerxía que producen. Sexa como for, e mesmo sabendo que a conservación da auga é un labor do conxunto da poboación mundial, debemos velar por evitar malgastala e conxurarnos nun labor colectivo para reducir o seu consumo e aumentar a súa reciclaxe.

Chamámoslle á auga case igual a como lle dicían os romanos, aqua -ae. Se a perdemos, con ela irán polos sumidoiros numerosas palabras que a conteñen, non só no seu valor semántico, senón na súa propia forma, ben á maneira patrimonial –con <g> intervocálico–, ben mantendo a forma culta no <c>, que representa a  pronuncia etimolóxica. De todas elas, “aguas” e “acuas”, collemos sete para compoñer este Setestrelo. Empezamos, e non digas desta auga non beberei…

1

paraugas

Utensilio portátil para protexerse da chuvia, composto por un bastón que suxeita unha armazón de varas cuberta dunha tea impermeable que se pode estender e pregar

Un home xa non mozo, co paraugas colgado ás costas, suxeito polo mango ao colo da zamarra, é un dos tópicos arquetípicos do ser galego. Este utensilio para tornar a chuvia vólvese, a maior parte do ano, tan imprescindible que parece un apéndice máis do corpo. A esa familiaridade cádralle ben un nome tan sinxelo e directo, que evidencia a súa utilidade fundamental: deter o curso da auga da chuvia e tornala a fin de que non caia sobre o corpo. Ten un sinónimo –antuca–, do que non se coñece a procedencia, e do que se cre que é unha forma antiga e rara na fala común.

O paraugas, e a palabra que o nomea, son de formación moderna, aló polo XIX, e xorde como unha sorte de interpretación renovada do parasol. O verbo parar, que en latín era parare, tiña para os romanos un significado distinto ao que lle recoñecemos, xa  que podía equivaler a dispoñer as cousas segundo unha determinada orde. De aí, deu en ‘colocar’ ou ‘poñer’, que podía ser tamén ‘poñerse un mesmo’ en certa situación, por exemplo, deténdose perante algo. Finalmente, desenvolveu un uso transitivo, como ‘deter’, que é o que se aproveita para o nome do obxecto que “para” a chuvia. Este padrón morfolóxico callou ben, a xulgar polos varios exemplos de palabras compostas co mesmo xeito que usamos a cotío: parabrisas, parasol, paracaídas, parachoques

O mecanismo de formación –xustapoñer un verbo a un substantivo– foi semellante nalgunhas linguas próximas, como no portugués guarda-chuvas, no castelán paraguas, no catalán paraiguas ou no francés parapluie.

2

acuarela

Técnica pictórica que utiliza cores diluídas en auga

A auga é un elemento fundamental na pintura con acuarela, por iso figura no propio termo, que chega prestado do italiano, con esa terminación tan característica, que funciona como un diminutivo na lingua de orixe. A base, que permanece tal cal, está no adxectivo latino aquarius -a -um, ou sexa, ‘relativo á auga’. A acuarela é unha masa pigmentada, preparada con goma arábiga e outros aditivos que lle dan consistencia, mais é preciso diluíla en auga para facer dela unha tintura e que a cor pase ao papel. O método que se utiliza coa acuarela chámase lavado, e dependendo dos lavados que se fagan, ademais dos instrumentos utilizados, a pintura final será máis ou menos intensa, pois varía a gradación das cores.

No país houbo e hai entusiastas acuarelistas como María Antonia Dans, Serafín Avendaño, Arturo Souto, Pérez Villameil ou Federico Ribas, entre outros, mais queremos lembrar dous homes que ademais da afección pola pintura con auga, compartiron momento histórico e compromiso galeguista, como foron o diplomático Plácido Castro, quen ademais de ensaios políticos e sobre múltiples asuntos culturais, deixou unha significativa colección de acuarelas –algunhas pódense ver na páxina da súa Fundación–; e Castelao, quen traballou a acuarela entre outras moitas técnicas pictóricas, e se ben non é a máis difundida, non por iso ten menor interese artístico.

3

desaugadoiro

Canle por onde se dá saída ás augas

Os textos dispoñibles no CORGA e no TILG amosan que desaugadoiro é un termo que se espalla no uso xeral dos anos oitenta en diante, para restituír cunha voz propia unha palabra estendida por interferencia doutros idiomas. Con todo, as cifras –25 rexistros entre os anos 1981-2013 no TILG– deixan ver que desaugadoiro aínda non acadou a implantación que sería desexable, xa que é a única forma propia e sancionada para este concepto.

O substantivo créase por derivación sobre o participio do verbo desaugar, “facer saír a auga dun sitio para desecalo”, engadindo o sufixo patrimonial -(d)oiro, que xa desde o latín, -(t)oriu ou -(s)oriu– , foi empregado con moito rendemento neste sentido, producindo nomes de lugar ou obxectos e instrumentos. Na fala, xa desde a idade media, non é raro que se vacile na realización das vogais desta terminación, polo que se documentan dúas variantes: -doiro e -deiro; neste caso, como xa quedou dito e tal como está recollido no Dicionario, a forma estándar recomendada é co ditongo máis aberto: desaugadoiro.

Relacionado con toda esta serie léxica, atópase o verbo augar, que conservamos con diferentes acepcións onde se vai concretando o significado básico de poñer auga en algo ou en algures, incluíndo cando por causa da meteoroloxía queda pasado por auga algún evento, como neste exemplo de Heraclio Pérez Placer, que é unha das primeiras documentacións rexistradas para a lingua moderna (1895): “detívose a chuvia que en todo o día ameazara augar o folión” (adaptado). O mesmo infinitivo deu, alén de desaugar, outros dous verbos derivados: enaugar, cando poñemos auga nun terreo ou nunha planta, mais enxaugar, que é pasar por auga limpa.

4

acueduto

Construción en forma de ponte para conducir as augas salvando un desnivel do terreo

A palabra segue o mesmo modelo de formación ca gasoduto ou oleoduto, malia se dataren, como se deduce da referencia que conteñen, en épocas ben distintas. Nestes tres substantivos, distínguense dúas compoñentes: na primeira parte da palabra, indícase a materia que é conducida –gas, polos gasodutos, petróleo e outros derivados oleosos, polos oleodutos e auga no caso dos acuedutos–. A razón de que a forma que chega a nós sexa precisamente acueduto con e non *acuaduto con < a > (documentada na lingua oral, en rexistros non formais) está en que o nome se forma partindo do xenitivo aquae (aquaeductus) –non do nominativo aqua– e esa é a evolución esperable para esta secuencia de vogais.

A segunda parte do composto, -duto, tamén é froito dun substantivo latino, neste caso de ductus -us, que era a acción de conducir, transportar ou levar: o verbo ducere tiña para os romanos este significado e empregábase, particularmente,  referido ao transporte de auga. Alén de acueduto e dos outros citados arriba, chegaron a nós outros substantivos rematados en -duto, como conduto, viaduto etc. Todos eles proceden das mesmas fontes, e conteñen unha carga semántica idéntica. Do mesmo xeito funcionan os verbos coa terminación -ducir: introducir, que  é facer pasar polo interior de algo,  e seducir, que é afastar alguén do seu propio camiño e conducilo por outro.

5

enxaugadura

Acción e efecto de enxaugar

No latín popular, espallouse un verbo *exaquare, co recoñecible prefixo ex-, produtivo para a formación de novas palabras. Achega o significado de ‘fóra de’, que pode precisarse como un ‘movemento cara ao exterior’ ou unha ‘posición no exterior’, como en excarcerar –deixar en liberdade alguén retido no cárcere–, ou expatriar –cando unha persoa é forzada a deixar o territorio da súa patria por cuestións políticas–. En enxaugar hai tamén algo que marcha fóra, neste caso por efecto da auga limpa: enxáugase a louza para retirar os restos de comida e xabón, enxáugase a roupa e coa auga marcha o deterxente, e tamén se enxaugan a cara, as mans, e particularmente a boca ou a gorxa. Como a terminación -dura, na maioría dos casos, só se utiliza para construír substantivos de acción non é posible empregarmos a palabra enxaugadura para nomear o líquido co que se realiza o lavado, o colutorio.

A razón de por que enxaugadura e enxaugar levan un que non existe no étimo, exaquare, pode que se deba a máis dun factor, pero probablemente tivo moito que ver, segundo recollen as gramáticas históricas, cunha posible confusión dos prefixos ex- e in-, que é o que pode deducirse do feito de que nos textos medievais estean documentadas dúas variantes: eixaguar, enxaguar.

6

acuicultura

Actividade que consiste no cultivo de plantas e animais acuáticos

Cultura é, como recolle o Dicionario, o conxunto de coñecementos que posúe unha persoa, ou desde un enfoque colectivo, unha comunidade. Ese é o significado que lle damos á palabra na actualidade, por iso a atopamos en contextos onde se fala de literatura, pintura, teatro, música… porén, hai termos que pertencen a un ámbito ben distinto e a conteñen. A explicación está na etimoloxía, xa que, por exemplo, en  acuicultura, o formante -cultura expresa un valor semántico que ten que ver co sentido orixinario da palabra latina, cultura -ae, procedente do supino do verbo colere, o cal, entre outras acepcións, tiña a de ‘cultivar’, ‘coidar ben’, ou sexa, dispensar as atencións precisas para que algo medre. Colocado en posición final, -cultura, foi rendible con este significado no propio latín, dando lugar a formas que logo serviron como modelo, séculos despois, para a creación de novos termos. Neles, a primeira parte da palabra expresa o medio en que se produce a cultura –enténdase, o cultivo–, que no caso que nos interesa agora, acuicultura, é precisamente o medio acuático.

Acuicultura é un termo que comprende diferentes actividades, as cales tamén se expresan a través de palabras específicas, como miticultura –a técnica de criar e cultivar mexillóns– ou ostreicultura –cando o que se cultiva son ostras–. Nun sentido amplo, na actualidade, os acuicultores son a xente do mar que se dedica á explotación cualificada dos recursos acuícolas –non só piscicultores, senón tamén mariscadores, bateeiros etc. –, organizada en confrarías, cooperativas ou por sector. Algúns exemplos de palabras ben coñecidas que se formaron co mesmo método poden ser: horticultura –horta–, floricultura –flores–, apicultura –abellas, mel e cera–, avicultura –aves–, puericultura –coidado da infancia– e por suposto agricultura.

7

auganeve

Auga de chuvia moi fría que cae mesturada con neve fina

Para que caia a auganeve –ou torba, que tamén se coñece con este nome– ten que chover e ao tempo ir moito frío. Só baixo esas dúas condicións, as pingas comezan a callar en xeo, iso si, sen que a cousa vaia a tanto que dea en sarabia, que é cando a auga conxelada de todo cae en forma de grans, máis ou menos grandes. A palabra auganeve creárona os falantes por composición, xuntando os nomes dos elementos implicados, a auga mais a neve (do latín nix, nivis), para darlle nome ao estado intermedio entre a chuvia e o pedrazo (sinónimo de sarabia); a composición baixo este modelo é un recurso frecuente para xerar léxico, como podemos ver en exemplos coma beiramar, baloncesto, lobicán e moitos outros do vocabulario común.

Na literatura, a auganeve –o mesmo ca a neve– pode aparecer nos textos con valores expresivos, en usos metafóricos ou empregada como símbolo. Un caso coñecido é a panxoliña de Celso Emilio Ferreiro, “Xuntei o vento frío coa auganeve”, onde os dous fenómenos, vento e torba, simbolizan outras tantas situacións connotadas negativamente, como son a inxustiza mais a aldraxe, ás que se alude directamente na estrofa final da cantiga:

“Xuntei o vento frío coa auganeve,
xuntei a noite negra coa xeada,
e vin un Neno espido nun pesebre.

Que misterio máis fondo, que aventura!:
O Neno non quería
gozar doutros irmáns, nin doutra axuda.

Por algo estaba alí, por algo estaba
tan lonxe da riqueza gasalleira,
tan preto da pobreza desolada.

Por algo os pastoriños se achegaron.
E se o vento pasou tan paseniño
cantando suavemente, foi por algo.

Por algo era María unha artesá,
cando podía ser, se ela quixese,
primeira dama, esposa principal.

Por algo era Xosé un carpinteiro
de fortes, rexas mans encalecidas
na garlopa, na trencha e no martelo.

Xuntei tódolos orfos nun só berce,
xuntei as inxustizas coas aldraxes
e púxenas de ofrenda nun pesebre.

Quen foi o que roubou o meu presente?”

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir