En 1975 a ONU establece o 8 de marzo como Día Internacional da Muller, recollendo a data en que, ante a inminente primeira guerra mundial, no contexto dos movementos pacifistas, se celebra en distintos países europeos o Día da muller, e que máis tarde adoptarán as rusas para reclamar pan e paz nas vésperas da Revolución.
Se facemos caso do Dicionario, unha muller non é nin máis nin menos ca un ser humano definido polo seu sexo pero, por sermos as persoas seres sociais, o significado de ser muller vai necesariamente moito máis alá do biolóxico, así que para entender esta palabra de uso tan común cómpre coñecer as súas implicacións en moitos ámbitos distintos. Muller procede do latín muliere e para nós conserva o valor etimolóxico de ‘persoa de sexo feminino’, mais isto é unha excepción no conxunto das linguas romances, porque na maioría delas, quitando o galego, o portugués, o español e mais o romanés, as derivadas de muliere acabaron por ser as ‘mulleres casadas’, como a muller catalá ou a moglie do italiano, sinónimos do noso dona, esposa ou señora.
Hoxe as obras lexicográficas recollen para muller definicións espidas de prexuízos, mais isto non acontece desde sempre nin tampouco en todas as palabras que aluden a elas, por exemplo no léxico das profesións. Desde antigo a muller definiuse en relación ao home e subordinada a este, pero tamén xa na antiga Roma as mulleres organizáronse, por primeira vez que se saiba, e chegaron a acadar a administración do seu dote e o dereito a se divorciar. Na Idade Media restrinxíronse de novo os seus dereitos e posteriormente, coa Revolución Francesa e, sobre todo, no século XIX coa Revolución Industrial, a muller reivindicou o seu posto como individuo e como traballadora.