No libro da Xénese dise que o home recibiu a encomenda divina de lles dar nome a todos os animais. Moito máis tarde, haberá máis corenta anos, Bob Dylan aclarábanos que a inspiración para esta tarefa nos veu dada polas características que observabamos en cada un deles, e, á vista de casos como os que incluímos neste Setestrelo, non podemos menos ca darlle a razón ao cantante, porque a motivación é bastante evidente en xeral, pero tamén se constata que, cando o obxectivo é crear un nome rechamante e expresivo, o recurso a palabras malsoantes é, á vez que habitual, efectivo.
Tamén é certo que non debemos pensar que o rigor do mundo científico é totalmente alleo a denominacións que provocan o sorriso, xa que algunhas delas veñen inspiradas polos mesmos motivos ca as populares. E iso a pesar do sistema creado polo ilustre naturalista Linaeus –ou Linné– que puxo orde na clasificación taxonómica e que se mantén na actualidade.
Velaí van unha chea de casos en que a inspiración á hora de bautizar certas especies parece guiada pola mala idea, dando como resultado nomes vulgares que ademais de “vulgares” son malsoantes.