Composición, xeralmente en verso, á que se lle pon música para ser cantada.
Inicialmente a poesía concibiuse para ser cantada. Na Idade Media, os xograres (do diminutivo latino ioculus, que significa ‘pequeno xogo’ ou ‘brincadeira’, máis o sufixo –aris) cantaban romances e actuaban en público. Os aedos da cultura clásica --do grego ἀοιδός (aoidós), ‘cantor’- eran cantores épicos (A Ilíada). Algúns autores compáranos cos bardos celtas. A palabra bardo procede da antiga lingua celta, bard, que chega a nós a través do latín bardus. Eran os cantores de fazañas bélicas, máis ou menos realistas, máis ou menos míticas, case sempre relacionadas coas divindades e a historia fundacional dos pobos. Na literatura galega do Rexurdimento do século XIX, Eduardo Pondal considerábase o bardo cantor da nación de Breogán.
Ata hai moi pouco tempo nas romarías galegas, nas feiras e nas prazas públicas, existía un tipo de cantor anónimo, que moitas veces se facía pasar por cego, que cantaba romances, historias populares, case sempre de sucesos, crimes e acontecementos tráxicos, a semellanza dos xograres medievais. Álvaro Cunqueiro, Manuel María, Trapero Pardo afirmaban ter escrito letras romanceadas para os cantores populares das romarías.
O Dicionario define canción como unha ‘composición en verso á que se pon música para ser cantada’, e dá como sinónimos: cantar, cantiga ou cántiga. O Cantar dos Cantares é un dos libros que compoñen a Biblia, atribuído ao rei Salomón (século X antes de C), no cal se recolle unha extensa serie de composicións de carácter amoroso e mesmo erótico.
Nalgúns contextos, canción equivale tamén a composición poética, case sempre de carácter lírico, As cancións de Petrarca, por exemplo, pola relación que existiu de sempre entre a letra en verso rimado e a composición musical. Cantiga e cántiga utilízanse máis ben para definir composicións poéticas na época Medieval (as Cantigas de Martín Codax ou as Cantigas de Santa María) e mais para denominar composicións de carácter popular. Unhas e outras concibíronse sempre con música: para ser cantadas. O Pergamiño Vindel recolle a notación musical de seis das sete cantigas do xograr medieval Martín Codax (século XIII). A lectura poética e o recitado son fenómenos ou hábitos posteriores.
Etimoloxicamente a palabra canción procede do verbo latino canere, ‘cantar’. De aí que falemos das aves canoras para identificar aquelas que salientan polo seu canto. Do verbo latino canere xunto co sufixo -tio, que indica acción, derivan as palabras cantar e canción.
Orixe próxima teñen palabras como encantar ou encanto, que veñen significar inicialmente accións inspiradas no canto e que provocan os efectos propios do música e a poesía, feitizos que seducen pola palabra, a entoación e a música. Na cultura popular de Galicia chamábanse encantos ou encantamentos a algúns seres marabillosos que aparecían nos camiños gardando lugares ou tesouros e cos que había que falar (ou desencantar) pronunciando determinadas palabras máxicas. Álvaro Cunqueiro dedicou a este tema o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega no ano 1964: Tesouros novos e vellos.