burla

Nun día coma o de hoxe conséntense as risas e as burlas para pasalo ben sen ofender. Sempre presta botar unhas gargalladas para aliviar estrés e mellorar o ánimo. Dise que rir favorece a osixenación do corpo, posúe un efecto calmante e analxésico, elimina toxinas e axuda a facer a dixestión.

A lingua foi quen de reflectir de xeito curioso as bondades das risadas xa que para indicar que rimos moito e ben empregamos verbos que teñen unha connotación negativa ou un matiz destrutivo. Suponse que cando nos rimos de modo descontrolado podemos chegar a pensar que nos descompoñemos por dentro. Só así explicamos  expresións como escachar de risa onde o verbo significa “romper en cachos”, escangallarse coa risa (botar a perder algo separándose en partes),  esmendrellarse coa risa ou esmendrellarse de risa (botar a perder algo facéndoo inservible), partirse de risa e rebentar coa risa. Contraditoria resulta tamén a locución chorar de risa, pero é consecuencia da descrición física do que ocorre, a ninguén lle escapa que hai ocasións nas que as persoas nun ataque de gargalladas acaba chorando.

Hai outra acepción que aparece no contexto en que o rir individual se converte en rirse de alguén. Aí o verbo cambia e transfórmase en burlar, aquí a significación sería, segundo o Dicionario, “facer burla de algo ou alguén”. Este vocábulo fórmase sobre o substantivo burla (“acción, xesto ou palabras con que se ridiculiza unha persoa ou cousa”). Non temos moi claro a orixe deste substantivo, que se vencella co latín tardío *burra empregado por  Ausonio co sentido de ‘babecada’. Da familia son as voces burleiro, burlador, burlista e burlón, todos elas adxectivos que fan referencia sempre á persoa que fai  burla de alguén.

Os termos que podemos considerar coma sinónimos de burla son chufa (“burla con que se ridiculiza a alguén”) e a mofa, aquela burla na que se aplica insolencia e desprezo. A burla que se realiza só mediante a palabra mal intencionada e nada graciosa é coñecida como chacota ou chanza. Os xestos que facemos para ponderar a broma chamámolos mocas e cando a cousa consiste nunha imitación esaxerada e desprezativa denominámola arremedo (imitación de mal gusto).

Na fraseoloxía para indicar que nos burlamos de alguén usamos ditos como Tomarlle o pelo a alguén  ou Regañar a moa. Porén deberiamos ser prudentes e  non facer burla excesiva de ninguén porque xa sabemos que Coas burlas non te metas, que poden saírche veras.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir