Palabras que aman o hache

Ora é unha conxunción (“ora ben …”) e hora é un substantivo (“hora de durmir…”). Ambas as dúas palabras soan igual, polo que se di que son homófonas, mais ao velas, reparando en que unha leva hache e a outra non, é dicir que non son homógrafas, somos conscientes de que representan ideas ben distintas.

O hache, a oitava letra do noso alfabeto, non serve só para diferenciar palabras. As Normas din del que: “é un signo ortográfico sen valor fonético, pero mantense na grafía, tanto en posición inicial coma en interior ou final de palabra (horta, prohibir, oh, ah). (…) en cantas palabras o tivesen etimoloxicamente (…).”. É dicir, unha das súas razóns de ser fundamentais é constatar “fidelidade etimolóxica”, ser fiel á orixe.

Este Setestrelo trae palabras curiosas, algunhas ben coñecidas, outras sorprendentes, nas que brilla o hache, ese carácter mudo, fiel e orixinal. De ter que casar, ocórresevos alguén mellor?
 

1

harmonía

Conxunto de sons que resultan agradables ao oído / Estado que resulta cando entre os elementos dun conxunto nada desentoa e se forma un todo agradable / Situación que se dá entre as persoas cando existe bo entendemento entre elas e solucionan as diferenzas que poden ter en común acordo e sen discutir

Harmonía é, polo tanto, unha palabra polisémica, con significados que van desde os específicos relacionados co mundo da música aos que describen as relacións persoais. De todos eles podemos extraer os semas máis significativos deste termo: ‘agradable’, ‘entendemento’, ‘acordo’ etc.

A orixe desta palabra está no latín harmonia procedente do grego armonia onde tiña o significado de 'unión, encaixe, acordo, orde'. Este <h> mantense nos derivados de harmonía tanto en posición inicial de palabra, en harmónico -a, harmonioso -a, harmonización…, como tamén no interior da palabra cando vai prefixada, coma nestoutros casos, desharmonía, enharmonía ou filharmónica.

A harmónica, o instrumento musical que acompaña a algúns músicos e cantantes, mantén o inicial etimolóxico pois tamén se relaciona coa forma latina harmonia e os seus derivados.
 

2

harpía

Monstro fabuloso da mitoloxía grega con rostro de muller e corpo de ave rapina / Muller malvada e de mal carácter

O segundo significado, que é unha extensión figurada e despectiva para as mulleres da primeira acepción, é na actualidade o máis coñecido. Así, cando dicimos dunha muller que é unha harpía, transmitimos que pensamos o peor dela, aínda que non a imaxinemos con corpo de ave de rapina. Con este significado hai múltiples exemplos nos corpus: “A min non mo dixo aínda, pro eu seino, que a min non me pecha os ollos esa harpía coas súas malas artes…” (Carlos González Reigosa: Homes de tras da Corda, 1982).

A orixe etimolóxica desta palabra está no latín a partir do grego harpyia, ‘raptora, arrebatadora’, que aludía a un ser da mitoloxía helénica con rostro de muller e corpo de ave de rapina.

Esta idea de harpyia como ‘arrebatadora’ concorda moi ben coa lenda destes seres, xa que como relata Pierre Grimal na súa obra Dictionnaire de la mythologie grecque et romaine, as harpías eran as encargadas de arrebatarlle diariamente a comida a Fineo, rei de Tracia, que sufría ese castigo por desafiar os deuses cos seus poderes visionarios. Xasón e os seus argonautas, que na procura do vélaro de ouro navegaban por esa zona entre os mares Negro e Exeo, conseguiron liberalo do tormento.
 

3

hendecasílabo -a

Que ten once sílabas

Este vocábulo está especialmente vinculado á literatura e ten a súa orixe no prefixo hendeca– que, como di o Dicionario da RAG, é un “elemento de orixe grega que entra na composición de palabras co significado de ‘once’”. Etimoloxicamente provén do número grego hendeka, ‘once'.

Ademais de hendeca-, atopamos outras dúas formas para transmitir o concepto ‘once’, xa que este número tivo diferentes vías etimolóxicas para chegar á nosa lingua. A primeira sería precisamente o propio once, derivado da forma latina undecim e sobre o que se formaron palabras como onceno ou onceavo. Outra é undécimo, que vén do latín undecimus. Onceno e undécimo son sinónimos que poden ser empregados indistintamente como numerais partitivos ou ordinais. Pola contra, onceavo só pode ter valor de numeral partitivo como neste exemplo: “Eran tantos irmáns que só lles tocou a onceava parte (un onceavo) da herdanza”.

Se teñen interese en afondar no significado de hendecasílabo poden consultar o Dicionario de termos literarios do Centro Ramón Piñeiro.
 

4

aprehender

Coller algo ou a alguén que se persegue / Captar ou asimilar algo coa mente

Do latín apprehendere chegounos unha curiosa parella de verbos: aprehender, fiel á etimoloxía conservando o <h> intervocálico, e aprender, máis evolucionado e desprendido das orixes, con caída do <h> e fusión das dúas vogais.

Na semántica, aprehender tamén se mantivo, na primeira das súas acepcións, máis próximo do étimo, que no latín se empregaba co significado de ‘coller, apoderarse’, de algo físico, un obxecto ou un ser vivo. A partir de aí xorde a acepción abstracta, cando o que se “atrapa” é un coñecemento, unha filosofía, un concepto, unha idea etc., coma no exemplo:

“Por iso dotou aos seres todos de órganos ou instrumentos cos que poder aprehender a ventura do universo, a fortuna de existir” (Xosé Carlos Caneiro: Ébora, 2000)

Con este significado aprehender pode substituírse case sempre por outros verbos sinónimos como captar, comprender, interiorizar ou asimilar. Pero non por aprender (ou deprender) que ten, entre outras, a acepción de “adquirir o coñecemento de algo, chegar a saber por medio do estudo, a práctica, a observación, a experiencia etc.”, como en “está aprendendo un oficio” ou “aprendeu moito de matemáticas nos seus anos de instituto”.

Manteñen tamén o <h> etimolóxico os derivados de aprehender, aprehensión e aprehensivo -a, é dicir, a persoa ‘que interiorizou un sentimento morboso cara a algo que sente como prexudicial’.
 

5

hasta

Barra longa e dereita en que se suxeita algunha cousa / Corno dun animal

O termo hasta proven do latín hasta, que significaba ‘lanza, ou pau longo cun chuzo’, e del os hastati, que na antiga Roma eran os membros das lexións que empregaban a hasta e mais o escudo como equipamento para a loita. Hoxe en día, o significado orixinal variou lixeiramente e como define o Dicionario, é un sinónimo de mastro (“A bandeira ondeaba pendurada no extremo da hasta / mastro”), tendo desaparecido o seu primeiro sentido. Da mesma familia léxica, a partir do derivado hastile, chega a nós hastil que ten unha relación de significado moi clara xa que se usa para chamarlle a un mango de madeira, por exemplo “o hastil da macheta” ou “o hastil dunha lanza”.

É probable que do significado de arma derivase a segunda acepción referida ao ‘corno dun animal’, xa que os animais hastados adoitan utilizar os seus cornos como elemento defensivo ou de ataque. Esta é a razón pola que hasta e corno non son sinónimos perfectos, isto é, non poden intercambiarse en todos o contextos, xa que existen moitos animais que teñen cornos sen ningunha capacidade para protexer ou agredir, chega con lembrarmos os inofensivos apéndices da bolboreta ou do caracol.

6

hostia

Peza de pequeno tamaño, fina e redonda, feita de pan sen fermento, que o sacerdote consagra na misa, xunto co viño, para conmemorar a morte de Xesucristo / Golpe dado coa man / Choque brusco e violento entre dous corpos / Emprégase como interxección na fala popular para manifestar sorpresa, dor, medo etc

Como vemos nas definicións, este termo de amplo percorrido transita do divino ao humano. A primeira acepción é específica da relixión cristiá pero ten que ver coa orixe etimolóxica da palabra, xa que hostia procede do latín hostia que era un termo que se empregaba para referirse ‘ás vítimas dun sacrificio relixioso’, e quizais, por extensión, pasou a representar o que para os cristiáns é o “corpo de Cristo”, que na súa tradición se sacrificou polo ben dos demais.

As outras acepcións, as tres últimas, aluden a un golpe, choque ou sorpresa e utilízanse en contextos informais, mesmo nun rexistro vulgar da lingua, como indica o Dicionario.

Como se converte un símbolo relixioso nunha palabra groseira, ou como se chega á idea de 'golpe' desde o concepto ‘sacrificio’, é algo que non podemos explicar sen caermos na pura especulación. Sucede así en moitos termos que produto de evolucións estrañas acaban tendo unha orixe no momento escura. O que si podemos, é documentar miles de exemplos e usos diversos ao redor destes significados de hostia. A curiosidade desta palabra radica en que en moitos destes casos aparece escrita sen <h>, como ostia, quizais coa idea de diferenciala da sagrada hostia. Mais mesmo para falar mal hai que escribir ben e o nomativo é escribir hostia sempre co <h> diante, polo menos mentres non se comprobe unha teoria que argumenta que ostia ‘golpe’ podería vir da ostia latina, é dicir, 'portas' en plural, e das persoas que as defendían nas igrexas, os ostiarii, membros dunha orde relixiosa de baixo nivel que coidaba as portas dos edificios relixiosos, polo que di a historia, de malas formas se chegaba o caso.
 

7

hurra!

Emprégase para aclamar e para amosar alegría ou entusiasmo

A orixe deste termo podería estar no inglés hurrah, por alteración dunha forma anterior huzza, que sería un 'berro de saúdo dos mariñeiros', ou segundo outras fontes un ‘berro de guerra’ que chegaría ao inglés desde o alemán, danés ou sueco.

Entre nós, as primeiras aparicións de hurra son do século XIX, nalgúns casos coas variantes hurrias ou hourras, coma neste exemplo: ’Os servos daban ¡vivas!, E os nobres ¡hourras! de lembranzas bélecas’ (Galo Salinas Rodríguez: ¡Lenda de horrore! A mitra de ferro ardente, 1894).

Este estranxeirismo que está moi enraizado na nosa lingua ten a curiosidade de que o poderiamos relacionar equivocadamente co substantivo urro, "berro forte dunha persoa", que aínda que pode parecer que teña un significado similar, de afondarmos un pouco descubriremos que en realidade procede do verbo urrar, sen inicial, que é cando “unha persoa ou un animal emiten con moita forza a súa voz” e que ten como étimo o latino ululare (‘ouvear’, ‘berrar’, ‘vociferar’). É dicir, nada que ver coa orixe de hurra!
 

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir