Para insultares con fundamento

Vendo como as levamos, ás veces, no Twitter e no Facebook, poderiamos ter a intención de repartir desde aquí… mais hoxe non vai ser, neste Setestrelo non se lle vai faltar a ninguén… que non o mereza.

Hai veces que por xenio ou, simplemente, constatando unha realidade botamos man de palabras definidoras dos modos de ser ou de se comportar das persoas e que aos receptores non lles fai moito chiste que as empreguemos. Son os insultos, os termos que ofenden. Este país tenche para iso unha gran creatividade e, sobre todo, moita plasticidade. Son moitos, uns máis graves, outros menos. Imos ver algúns!

1

alburgueiro -a

Que ten por costume inventar e andar con alburgadas

Quizais non che hai cousa que se leve peor que ter tratos cunha persoa deste tipo. Porque as alburgadas (‘aquilo que unha persoa presenta como certo, sabendo que non o é, para enganar a outra’) toléranse mentres cres que son verdadeiras, mais no momento no que descobres que che menten e que pretenden darche gato por lebre a confianza pérdese e o creto esvaécese. Así que normalmente non se queren tratos con trafulqueiros e baltroteiros e escapamos deles coma do lume, salvo que fagamos coma quen porque a ver quen non ten un mentirán de colega e o deixa vivir, algunhas veces, coa ilusión de que nola deu.

O termo é un adxectivo formado co sufixo -eiro, -eira co valor caracterizador: ‘que se define por ser ou por ter’ certa habilidade, neste caso, a de dicir alburgadas.

2

odre

Persoa que está bébeda

Logo pasou ao galego co significado de ‘recipiente feito coa pel dun animal, xeralmente dunha cabra, que serve para conter líquidos’; ben, habitualmente, líquidos con certa graduación alcohólica. Desta imaxe nítida é de onde procede a acepción da que estamos a tratar. Cando alguén bebe tanto (e non precisamente auga da fonte) coma para semellarse a un odre cheo, dicimos del que é un odre ou que está cheo coma un odre. Tamén podemos dicir, facendo unha analoxía coa mesma imaxe anterior, que é un pelello ou que anda ou está como un pelello. Unha cousa é estar un chisco alegre ou enchispado e outra é ser un caneco, un bébedo ou un borracho perdido. Socialmente non está ben visto e para a saúde non é conveniente.

3

miñaxoia

Persoa que ten pouco valor ou ánimo, mesmo para afrontar situacións habituais da vida cotiá

A primeira vista podiamos pensar que esta palabra, froito da amálgama dos dous membros da expresión: miña xoia!, é unha denominación positiva porque, sen dúbida, unha xoia é un obxecto prezado e con valor. Mais a nada que afondemos na información que recollen os dicionarios, o único que temos é un uso claramente negativo que, se cadra, nun principio foi simplemente irónico ou pura retranca galega que xa sabemos que a retranqueiros non hai quen nos gañe. Porén a comunidade desde sempre quere persoas activas, resolutivas e que fagan mover o mundo. Os emprendedores e as emprendedoras que nos van sacar adiante nun momento de apuro. Por todo isto, ser xusto o contrario, nun primeiro instante pode causar mágoa, pero logo provoca indignación. Son sinónimos do termo e cheos de expresividade: coitado, malpocado e petapouco. Logo do dito é moito mellor que nos definan como afoutos e afoutas ou atufados e atufadas: aqueles ‘que non se deixan intimidar polas dificultades, perigos, etc.'

4

milhomes

Home pequeno que se paga moito da súa forza e da súa valentía

De novo andamos ás voltas coa retranca. Podemos crer que detrás dun nome así está a designación que se lle outorga ao home que vale por mil. Pero nada máis lonxe da verdade. A lingua amosa o noso xeito de ver a realidade, como pensamos e como nos desenvolvemos na vida. E que alguén presuma do que carece lévase mal. A resposta a ese exceso é poñerche ou chamarte cun apelativo que te retrate, neste caso, ao revés. Este termo tamén o atopamos no portugués: milhomens (‘homem baixote com fumos de valentão’); en catalán: milhomes (‘home, especialment petit, o noi, que pretén ésser apte per a tot, d'intervenir en tot, de saber-ho tot, etc.’); en castelán: milhombres (‘hombre pequeño y bullicioso y que no sirve para nada’).

Milhomes hai moitos e en todos os lugares como acabamos de ver. Mais hai un que todos coñecemos que transcendeu máis alá das nosas fronteiras. É o Milhomes imaxinado por Blanco Amor para A Esmorga.

5

compangueiro, -a

Persoa que quere quedar ben con todos en calquera cuestión ou que contemporiza con miras interesadas

Hai unha clase de persoas que merecen tamén, de cando en vez, que as definamos cun epíteto claro e contundente e son aquelas que non teñen criterio. Non hai cousa que máis rabia dea que, aqueles e aquelas que para non desgustar a ninguén ou para non amosar os pensamentos propios concordan con todo o que lles digas, así sexan rodas de muíño, sobre todo, cando con esta actitude morna o que se pretende é conseguir algo.

Volvemos xogar co sufixo -eiro, -eira cun valor caracterizador ‘o que ten a capacidade de compangar’ e, neste caso, con certo matiz apreciativo porque o substantivo derivado resultante ten un valor pexorativo: ‘aquel que é quen de pactar, pero para acadar algo para si’

6

lagarta

Muller maliciosa

Imos entrar nun terreo delicado, pero que non debemos obviar. A linguaxe reflicte a sociedade na que vivimos e esta aínda é sexista e androcéntrica. Isto obsérvase na lingua e no uso que facemos dela. Obviamente todo isto tense que mudar e estase a levar a cabo, pero dun xeito lento de máis e os cambios chegan con atraso ao Dicionario. O mellor modo de transformar todo isto é que nós vaiamos por diante cunha actitude activa.

Dicir que unha muller maliciosa é unha lagarta ten, sen dúbida, certa tradición histórica relacionada co medo que se lles tiña aos réptiles, en xeral, e aos lagartos, en particular. Mais do mesmo xeito que hai que superar as fobias porque son medos desmedidos e infundados, tamén hai que corrixir certos usos que facemos da linguaxe e tentar non empregar os substantivos designadores de animais femias como despectivos: lagarta, víbora ou cadela.

 

7

faltón, -ona

Que adoita ofender e faltar ao respecto a outros

E chegados a este punto non pretendemos ser faltóns, pero é sabido que hai persoas que teñen unha facilidade innata para ofender empregando insultos de todos os tipos e faltarlles aos demais sen compaixón. Sobre o verbo faltar engadimos un sufixo -ón, -ona que produce un adxectivo ‘persoa que falta a outra’ pero cun valor aumentativo claro: é ‘aquel que falta a outro en exceso’. Se este é un adxectivo cunha feitura ben expresiva, tamén o son os seus posibles sinónimos: bocalán ou bocapodre. Cando ofendes empregando insultos e, mesmo, faltas ao respecto é que tes unha boca grande de máis para que che saia esa clase de improperios e que tamén a tes cheíña de podremia. Mais se deixamos de baldoar ou inxuriar, que non leva a ningún lado, imos converternos nuns benfalados e benfaladas: ‘que fala educadamente, con corrección ou finura, en particular, que non usa expresións groseiras nin palabras malsoantes’.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir