Titulares como o de máis abaixo, repetíronse nos xornais do ano 2012 que foi a data do “descubrimento” da existencia desta partícula:
Pero a historia deste termo vén de lonxe e ao que se facía referencia nesas noticias tan recentes era en concreto ao bosón de Higgs. Pero que é un bosón? Podemos definilo como un dos dous tipos básicos de partículas elementais da natureza. Estas partículas caracterízanse por non estar constituídas por elementos máis pequenos nin se coñece que teñan estrutura interna.
A palabra bosón procede dun antropónimo, neste caso en honor do físico hindú Satyendra Nath Bose. Como está documentado no CORGA: “Foi o científico indio S.N. Bose o primeiro en realizar en 1924 un cálculo estatístico para un tipo de partículas que dende entón levan o seu nome, os bosóns, e quen derivou este cálculo a unha lei da radiación presentada anteriormente polo científico Max Planck, para despois envia-los seus resultados a Einstein”. [CORGA: CG2001-10-10/11]
Xunto con bosón, nos corpus consultados, hai exemplos coa denominación de “partículas Bose”: “O pai da teoría da relatividade desenvolveu daquela a lei que explica as partículas Bose e publicou dous traballos nos que predecía que cando un número dado de partículas están abondo cerca e se desprazan a modo e se converten nun estado enerxético de menor intensidade.”[CORGA CG2001-10-10/11]