Entendo pero non sinto o que desta palabra di o dicionario, porque nacín n’A BOUZA: unha aldea de cinco casas sen estrada nin lus nin auga da traída. Se miro para fóra vexo a estrutura dun barco: polo fondo, pola quilla, corre un río pequeno que fertiliza unhas veigas, que eran foro do Marqués de Alcañices ata que en 1873 accedeu a redimilo. Pero a aldea da Bouza está na costa que mira ó solpor: cinco casas rectangulares orientadas de N a S polo abrente o monte sobe sen présa a ver nace-lo sol no Acibal. Nese espazo inmenso, costeiro e pobre nacen de seu xestas, toxos e codesos: é bouza. Os devanceiros enchérano de carballos e alá por 1929 deu milleiros de travesas para o ferrocarril. Os meus domesticaron unha pouca bouza facendo unha casiña pobre, coma aqueles tempos; e cunha fe que admira, perforaron unha mina duns vinte metros ata traeren do ventre da terra unha auga marabillosa que sae ó pé da porta. Primeira vitoria, porque antes, para beber un grolo de auga, había que baixar ó río por ela. Despois, nese terreo costento, construíron máis de 600 metros lineais de magalón de pedra para que aquela bouza costeira dese nove tiras de terreo cultivable: nel meu pai chegou a ter un viño que ardía nun candil e do bagullo sacaba licor de herbas que en Moraña chamamos xastreus, o Chartreuse dos frades franceses. Dóeme que o mercado destruíse aquel traballo, porque meu pai pillou unha tristura que acabou en alzhéimer. Nos socalcos hoxe non hai cepas: hai peras, mazás, pexegos, laranxas, limóns e feixoas que non coñecen máis química cá que deixa media ducia de años, ovellas e un carneiro. Por riba da casa, na bouza verdadeira, meu avó fixera carbón vexetal e quizais por iso se chama Pociños pero hoxe A Bouza xa non é bouza: baixo a presidencia dun laranxeiro de máis de cen anos, de laranxas maiegas, e dunha camelia de camelias pintas, que na escola gañara miña nai nun concurso de lectura, a nosa froita, os nosos chícharos, cebolas e tomates ecolóxicos saben a vitamina pura. Iso non é bouza. E, aínda que un recachado acivro, as hedras, a xesta e o codeso se ergan reivindicando a etimoloxía do topónimo, no meu corazón bouza significa natureza educada con amor e esforzo para facela espazo de vida. Cando meus pais morreron, velámolos na Bouza que eles domesticaran coa súa suor: por iso bouza para min é terra sagrada.