erupción

Expulsión violenta de materias sólidas, líquidas ou gasosas incandescentes, por un volcán e estado do volcán que emite estes materiais

Etimoloxía

Tomouse do latín eruptio –onis, ‘saída brusca’, que remite ao verbo rumpere ‘romper’.

Exemplos *

“Soamente alcanzara a ollar esparexidos e débiles puntos luminosos, causados probablemente por algunha erupción volcánica.” (Xoán Bernárdez Vilar: Big-Bang)

“Nos xornais demorábase coa política internacional, a ver nomes de lugares remotos, países estranxeiros, líderes rebeldes, ríos na selva, aldeas devastadas, volcáns en erupción ...” (Xurxo Borrazás: Contos malvados)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.