
Chegou a primavera e as follas empezan a agromar como sinal de renovación nas pólas das árbores que o inverno deixou espidas. Mentres esas follas novas e tenras abrochan e renacen, outras vanse esgotando como as follas dos libros e dos cadernos dos estudantes que comezan a encarar o final do curso. Estas raiolas primaverais anímannos a abrir as follas das ventás para deixar entrar a luz e a calor que empeza a chegar. Tamén é a época que moita xente aproveitará para poñer a desalgar algunha folla de bacallau para celebrar a coresma. Como vedes, coas acepcións de folla ben tiñamos para escribir un libro cheo delas, pero a folla dá moito máis de si e por se vos parecen poucos estes significados, imos ver que ocorre cando a combinamos noutras palabras.