Fobias curiosas

Do mesmo xeito que para a mitoloxía grega, Fobos, fillo de Ares e Afrodita, era a personificación do medo e o horror, tamén no dicionario atopamos as fobias ou, o que é o mesmo, aquelas aversións que chegan a dominar a vida de moitas persoas. En cuestión de gustos e antipatías todo é tan relativo que calquera cousa pode provocar amor ou odio, de aí que podemos imaxinar unha listaxe de fobias case interminable.

Pola súa propia condición de dicionario de lingua, non especializado, e mais polo seu volume, que esixe darlles prioridade ás palabras de uso máis frecuente, o DRAG non pode ser exhaustivo na inclusión destes termos. Por iso, botamos man doutros manuais específicos para descubrirmos algúns dos temores patolóxicos máis sorprendentes.

1

astrapefobia

Temor morboso ás tempestades.

Boa parte das fobias máis comúns están relacionadas coas condicións meteorolóxicas. Non é de estrañar que calquera teña medo se é sorprendido por un tsunami ou un furacán, pero máis curioso resulta que certas persoas poidan sentir pánico simplemente perante a posibilidade de que se dean fenómenos tan comúns coma a chuvia (ombrofobia) ou o frío (queimafobia).

A orixe de astrapefobia témola na palabra grega astrape que significaba ‘relampo’ e que remite tamén ao nome da deusa Ástrape, irmá de Bronte e asistente de Zeus. Esta xúntase coa terminación -fobia, tamén de base helénica, concretamente do substantivo phóbos, que era a ‘acción de horrorizar’, derivado mediante o sufixo -ia. Este modelo repítese en todos os cultismos creados para dar conta deste tipo de trastornos. Entre as fobias meteorolóxicas, temos tamén o medo enfermizo provocado polos lóstregos que se denomina ceraunofobia, do grego keraunós (‘raio’).

2

belonefobia

Temor patolóxico ás agullas e alfinetes.

A primeira compoñente desta palabra remite a belone, que na lingua grega era o nome que se empregaba para referirse ás puntas e ás agullas.

Existen numerosas fobias asociadas aos diferentes tipos posibles de impactos sobre o propio corpo, non só con obxectos, senón mesmo por contacto humano, por exemplo a afefobia, ou ‘medo a ser tocado’. Tamén están as vinculadas co pánico á enfermidade, como a dermatofobia dos problemas na pel. Desde logo, unha persoa afectada por belonefobia nunca se anotaría para unha sesión de acupuntura nin tampouco nun curso de palilleiras, pero… que pasa cando o médico precisa unha análise de sangue?

3

catoptrofobia

Temor enfermizo a verse reflectido nos espellos.

Aínda que o nome desta fobia nos faga enredar a lingua, en realidade polo que se ven alterados os que a padecen é pola imaxe, máis en concreto, pola súa propia imaxe reflectida nos espellos.

O seu étimo témolo na forma kátoptron, que en grego tiña tanto o significado de ‘imaxe reflectida’ coma tamén o de ‘espello’. Certamente, as vítimas da catoptrofobia arrepían só con pensaren nestes obxectos, nos  que cren ver unha porta temible ao mundo do sobrenatural.

4

crematofobia

Aversión ao diñeiro.

Do grego khrema, ‘cousa da que nos servimos’, que na súa forma de plural, khremata, tiña o valor específico de ‘riquezas, bens’.

Mentres que para a maioría o problema consiste en conseguir os cartos suficientes para chegar a fin de mes, os enfermos de crematofobia, pola contra, non poden nin pensar en nada que teña que ver co diñeiro e mesmo senten repugnancia ao tocaren un billete ou unha moeda. Non farían boas migas co rei Midas nin con aquel pato animado que se bañaba en montañas de cartos e, desde logo, que lles tocase a lotaría sería para eles un motivo certo de padecemento.

5

lalofobia

Temor morboso a falar.

O constituínte lalo- tómase directamente do grego lálos, un adxectivo que se lles aplicaba ás persoas caracterizadas pola súa locuacidade. Este, á súa vez, deriva do verbo laleo, de orixe onomatopeica, que tiña o significado de ‘pronunciar palabras, falar’.

A angustia dos lalofóbicos é especialmente forte cando se atopan perante auditorios numerosos, falando para un grupo grande de xente. Nese tipo de situacións, poden manifestarse tamén outras patoloxías como a estasifobia, ou ‘medo a poñerse de pé ante a mirada doutros’, e a fonofobia, que é ‘o horror de falar en alto por rexeitamento da propia voz’.

6

monofobia

Pánico á soidade.

O medo que senten as persoas cun trastorno de monofobia non ten nada que ver cos simios, senón que se deduce do significado do étimo mono- (do grego mónos), que é fácil de identificar tamén noutras palabras bastante usuais, como poden ser: monopatín, monólogo, monogamia, monolingüe ou monográfico.

A cara oposta dos anacoretas ou ermitáns, é posible pensar que algo desta fobia existe naqueles e aquelas, cada vez máis, que a día de hoxe non poden separarse do seu móbil ou deixaren de comprobar as actualizacións da súas redes sociais.

7

ponofobia

Temor patolóxico á dor e á fatiga.

                                                                                                                                                                                                                            Desde logo, moi pouca xente se comprace con chegar á casa desfeita despois dunha xornada con demasiadas horas extraordinarias e todas e todos  escoitamos algunha vez o de preguiceiro entre o barullo do espertador. Mais as persoas afectadas pola ponofobia senten verdadeiro horror de realizaren un traballo excesivo que acabe por provocarlles un sufrimento físico ou un esgotamento insoportables.

Este sentido podemos procuralo no propio étimo da palabra, construída sobre a forma pónos, que en grego significaba ‘traballo fatigante, fatiga, esforzo que provoca padecemento’. Esta forma deriva, á súa vez, do verbo pénomai, que pode traducirse como ‘traballar penosamente’. Desde esa perspectiva, a ponofobia está estreitamente relacionada con outro trastorno de pánico denominado ergasiofobia (do grego ergasía,  ‘traballo’) e que consiste en experimentar un medo paralizante ante a actividade en xeral ou incluso tamén ante a mesma idea de traballar.

Palabras traballadas

Todos os termos que traballamos, fóra das Palabras do día, ordenados alfabeticamente.

Ver

Palabras do día

Unha palabra cada día dos 365 do ano, ordenadas alfabeticamente ou por data.

Ir